BNG denuncia un “desmantelamento forzoso” da Sección 3ª do TSXG para favorecer os intereses da patronal eólica
Iago Tabarés acusa á Xunta de promover “unha agresión á independencia xudicial” e de “comprometer a credibilidade das institucións democráticas”.

No pleno do Parlamento galego, o deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, interpelou á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para poñer o foco no que cualificou como unha “grave deriva” no funcionamento da xustiza galega. O deputado nacionalista salientou que hoxe non se falou de asuntos pendentes nos tribunais, nin do caos na Oficina Xudicial ou da xestión da xustiza gratuíta, senón “de algo máis grave: do seu sorprendente silencio ante comportamentos que atentan contra a independencia xudicial”.
Tabarés recordou que o 12 de marzo a recentemente nomeada presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo decidiu “sorpresiva e inopinadamente” desmontar a Sección 3ª desta sala, composta por catro maxistrados que, agás nun voto particular, mantiñan un criterio unánime sobre a revisión xudicial de proxectos eólicos e contratación pública. “Máis que ese criterio técnico semella que non era conforme aos intereses da patronal eólica, nin xa que logo da Xunta”, denunciou.
O deputado do BNG repasou as manobras previas para cambiar a composición da sección: tentativas fallidas en 2023, críticas persoais ao maxistrado Villares, cambios na estrutura da Xunta para derivar asuntos á Sección 2ª, acusacións de lawfare polo presidente da Xunta e mesmo unha advertencia da Sala de Goberno do TSXG para que respectasen a independencia xudicial.
“Uns meses despois, a presidenta da Sala do Contencioso acorda o traslado forzoso de catro maxistrados, alterando totalmente a composición da Sección. De maxistrados con coñecemento e experiencia (Villares e López) pásase a profesionais sen experiencia na materia, co “indisiulado propósito” de ver se se pode cambiar o criterio en beneficio das empresas eólicas”, afirmou.
Tabarés apoiou a súa denuncia en pronunciamentos recentes do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (marzo de 2025) e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, así como da Comisión de Venecia, que advirten de que os traslados forzosos de xuíces sen o seu consentimento poden constituír un medio para exercer control sobre o contido das resolucións xudiciais e afectan á inmobilidade e independencia dos xuíces.
“Non o digo eu, nin o BNG, nin asociacións xudiciais. Díxoo o Tribunal de Xustiza da Unión Europea”, subliñou o deputado, que preguntou ao conselleiro de Xustiza se concorda co “desmantelamento forzoso da Sección 3ª”. Na súa réplica, Tabarés pediu “que poñan fin e corrixan a extraordinaria deriva de degradación democrática, institucional e moral” e advertiu de que “un compendio de todo isto estamos a vela en Lugo, na Audiencia Nacional, e no bloqueo parlamentario” para agochar documentación e beneficiar empresas amigas.
“Agresión á independencia xudicial para beneficiar empresas amigas. Muden de actitude, porque non só están prexudicando á democracia, senón tamén aos galegos e galegas do presente e do futuro”, concluíu.
