Redacción •  Galicia •  20/09/2024

Colectivos sindicais e solidarios anuncian folga xeral e xornada de loita en apoio á Palestina

Esta mañá celebrouse unha rolda de prensa na Nave de Vidán en Compostela, onde os seguintes colectivos e sindicatos: CGT Galiza, Solidariedade Obreira Galiza, CNT Galiza, a Asemblea Internacionalista de Compostela e a Rede Galega pola Palestina, presentaron a folga xeral convocada en apoio á loita do pobo palestino para o vindeiro 27 de setembro.

Colectivos sindicais e solidarios anuncian folga xeral e xornada de loita en apoio á Palestina

Expuxéronse os detalles desta mobilización, subliñando que se trata dunha xornada de loita en solidariedade co pobo palestino fronte á ocupación, o apartheid e o xenocidio sionista. Fíxose un chamamento á clase traballadora e aos sindicatos galegos para que se sumen a esta xornada de loita e reivindicouse a ruptura das relacións diplomáticas co Estado sionista, e a suspensión de acordos comerciais e académicos que benefician a dita entidade e a importancia de promover a campaña BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións) como ferramenta de presión internacional non violenta a Israel.

Durante a rolda de prensa, anunciáronse as seguintes manifestacións e concentracións previstas para o 27 de setembro en varias cidades galegas: A Coruña: Manifestación ás 20h no Obelisco. Compostela: Manifestación ás 12h na Praza Roxa e concentración ás 19h na Praza do Obradoiro. Pontevedra: Manifestación ás 20h en Loureiro Crespo, fronte ao Hospital Provincial. Vigo: Manifestación ás 19h fronte ao Marco.

Ademais, presentouse a Rede Galega pola Palestina, un espazo asembleario en construción, aberto a todas as persoas e colectivos galegos que desexen participar e que terá a súa vindeira xuntanza presencial o sábado 21 de setembro en Ourense, na Asociación Andén Primeiro nunha intensa xornada de actividades de 11h a 20h.

A xornada do 27 de setembro será un acto de solidariedade internacional e de loita obreira, destacando a importancia da mobilización en apoio ao pobo palestino e contra a represión que sofre no seu territorio. A unidade da clase traballadora e dos movementos sociais galegos nesta folga será fundamental para visibilizar esta causa a nivel global.


Palestina /