Redacción •  Galicia •  19/02/2022

O CPXG esixe ao alcalde de Ourense que cese inmediatamente o seu reiterado desprezo á profesión xornalística

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera intolerable o trato a un xornalista por parte do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e esíxelle que cese dunha vez por todas os seus desprezos reiterados cara aos informadores, equivalentes na práctica a ataques á liberdade de prensa impropios de calquera servidor público.

O CPXG esixe ao alcalde de Ourense que cese inmediatamente o seu reiterado desprezo á profesión xornalística

Este luns 14 de febreiro, Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, negábase a contestar, de moi malos modos, a un compañeiro de La Región que nin chegaba a poder rematar de formular a súa pregunta. Cómpre lembrar que non responder a un xornalista que, no exercicio da súa función de informador, pregunta con educación é tamén un xeito de censura e un límite á liberdade de prensa e de opinión impropio en democracia. O posto de rexedor público conleva unha serie de obrigas de transparencia e rendición de contas, e entre elas inclúese a de atender a todos os medios de comunicación e xornalistas, independentemente da súa liña informativa. Alén da evidente falta de respecto e educación, non contestar as preguntas dun determinado medio non é máis que un ataque ao pluralismo mediático que non debe ser permitido na nosa sociedade.

Esta non é a primeira vez que o Colexio de Xornalistas se ve na obriga de lembrarlle ao rexedor ourensán o seu deber de respectar o labor das e dos profesionais dos medios de comunicación. Son xa tan reiterados os ataques de Pérez Jácome ao exercicio do xornalismo que non poden ser vistos senón como unha estratexia consciente de ataque ás liberdades de información e de prensa na cidade de Ourense. É por isto que o Colexio de Xornalistas reclama que o alcalde poña fin inmediatamente a toda esta ofensiva de menosprezos e agresións e restabeleza a relación profesional cos medios que é a esperábel nun cargo público.


Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia /  CPXG /  Ourense /