Redacción •  Galicia •  18/08/2020

Esquerda Unida denuncia o escurantismo da Consellería de Sanidade sobre os datos dos rastrexadores en Galicia

Esquerda Unida denuncia o escurantismo da Consellería de Sanidade sobre os datos dos rastrexadores en Galicia

O incremento de novos casos de coronavirus en Galicia, vinculados ao entorno social, sucédese á vez que descoñecemos o número de persoas que estarían a realizar o traballo de rastrexo na nosa Comunidade.

Esquerda Unida súmase ás denuncias da comunidade sanitaria no noso país e reclama que a Consellería de Sanidade faga públicos os datos do número de persoas e con que formación están a realizar o proceso de rastrexo do covid-19 nas contornas sociais das persoas positivas.

Que Galicia sexa a peor comunidade en canto ao rastrexo de casos, con ata un 73% de orixe descoñecida arroxa unha realidade moi preocupante e indica, en palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida a ausencia de medios por parte da Xunta para levar a cabo este servizo: “Feijóo afirma ter seis mil profesionais rastrexando, onde están? A realidade amosa que é imposible que ese dato sexa certo ou do contrario a Xunta facilitaría a información de quen son e onde están eses rastrexadores.”

Esquerda Unida considera que existe a necesidade evidente de dotar á nosa comunidade de protocolos claros para o rastrexo, contratar persoal sanitario para facer esta labor e facelo en contacto coa atención primaria e os servizos de urxencias. Só de este xeito se poderá minimizar o impacto dos rebrotes.

Igualmente, Esquerda Unida entende que é imprescindible que o Conselleiro de Sanidade compareza publicamente e ofreza datos claros sobre o número de rastrexadores en Galicia e como están a facer o seu traballo. “Xa abonda de mentiras, o Conselleiro de Sanidade debe dar a cara e deixar de ocultar esta información. Xogamos con vidas humanas.”


Alberto Núñez Feijóo /  COVID-19 /  Esquerda Unida /