Redacción •  Galicia •  18/08/2020

Denuncian a Ecourense na Fiscalía por presuntos delitos contra os dereitos dos traballadores

Segundo sinalan fontes sindicais, a concesionaria deixa as contratacións en mans dunha empresa e dun sindicato que cobran unha cota por cada posto.

Denuncian a Ecourense na Fiscalía por presuntos delitos contra os dereitos dos traballadores

CIG-Ourense vén de presentar unha denuncia diante da Fiscalía contra Ecourense, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos do Concello, por delitos contra os dereitos dos traballadores/as xa que a concesionaria deixa as contratacións en mans dunha empresa e dun sindicato que cobran unha cota por cada posto. Para a central isto supón unha clara discriminación no emprego público por razóns de situación familiar (a maioría das novas persoas contratadas son de familiares dos membros do cadro de persoal) ou adscrición a unha asociación e unha denegación do acceso ao emprego por manter unha posición de adscrición sindical.

Dende a CIG-Ourense explican que Ecourense UTE é unha unión temporal de empresas, composta por FCC, Copasa e Geseco, que ten a concesión do servizo de limpeza viaria e de recollida dos residuos sólidos urbanos do Concello de Ourense dende 2010, contrato que rematou o pasado mes de marzo, atopándose actualmente en situación de prórroga.

Lembran que no momento da concesión Ecourense subrogou un total de 145 traballadores/as, dos que 27 eran condutores/as, 101 peóns, 1 limpadora, 2 mecánicos/as, 2 administrativos/as, 3 capataces, 1 encargado e 8 traballadores/as xubilados/as parciais. O cadro de persoal, a 15 de xuño de 2020, era de 225 persoas, 142 fixas e 83 contratadas. O día 1 de xullo, aumentou o cadro de persoal noutros/as 23 traballadores/as a xornada completa e 17 a sábados e domingos, todos con contrato eventual, ascendendo o cadro de persoal actual a 265 traballadores/as.

Durante anos o comité de empresa mantivo constantes disputas coa dirección, ante a negativa desta de cubrir baixas de longa duración, invalideces e mesmo xubilacións definitivas, chegando mesmo a xudicializar a situación, producíndose un acordo xudicial, en data 22 de marzo de 2018, sobre a regulación das vacantes ante o Xulgado do Social número 4. “Neste acordo a empresa acepta unicamente a cobertura de cinco vacantes por entender que non se podía ampliar demasiado o cadro de persoal”.

Mais dende decembro de 2018 esta política de “escatimar” a contratación de persoal mudou radicalmente, “e cada poucos meses entran remesas de persoas contratadas temporalmente de entre 30 e 40 persoas, con motivacións non sempre ben explicitadas, como cubrir vacacións antes do período establecido polo convenio colectivo ou reforzar brigadas de limpeza viaria en pleno confinamento no período do estado de alarma, cando a todas luces se podía comprobar que o volume de lixo nas rúas (non nos contedores) era notablemente menor, dado que estas estaban baleiras. É dicir, hai indicios mais que suficientes de que se están a producir contratacións moitas veces innecesarias”.

A maioría da representación legal dos traballadores/as (7 dos 9 membros do comité) ten denunciado reiteradamente ante a empresa e o Concello o sistema que Ecourense, unha compañía privada concesionaria dun servizo público de primeira necesidade, segue para estas contratacións:

-O 50% das persoas contratadas acceden por medio dunha empresa de economía social, que ten como un dos seus obxectivos a consecución de emprego a persoas en risco de exclusión social. Esta empresa denomínase Asociación Impulso ao Emprego (Imprega) e ten sede na Coruña.

-O persoal contratado neste cupo ten que efectuar un pagamento mensual na conta de Imprega, que varía en función de se o contrato é a tempo parcial ou a xornada completa. O prezo por traballar, “dado que non cabe outra definición”, ascende a 63,50 euros mensuais, no caso de que o contrato sexa a tempo completo, e a 41,79 euros, se o contrato é a tempo parcial.

«ÍNTIMA COLABORACIÓN» CUN SINDICATO

Curiosamente, Imprega ten unha “íntima colaboración” cun sindicato denominado Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), que conta con dous representantes no comité de empresa de Ecourense. “Mostra desta relación, como mínimo funcional, é que, ao carecer Imprega de oficina en Ourense, as entrevistas de traballo que se tramitan por este cupo do 50%, realízanse na sede do sindicato STL, na Praza da Estación nº 4-1º, fronte á Estación do Empalme”.

Polo tanto, segundo critican dende a CIG, non é o conxunto da representación legal dos traballadores/as quen supervisa as contratacións por medio de Imprega, senón un único sindicato (STL) que representa a pouco máis do 22% do comité.

Ao mesmo tempo, sinalan que boa parte do persoal contratado por esta vía son familiares de traballadores/as do cadro de persoal, “que nin de lonxe están, afortunadamente, en situación de risco de exclusión. Tal é así que unha das persoas contratadas recentemente é filla de Xoan Marcos Pérez Pego, responsábel do sindicato STL en Ourense, ademais de traballador de Ecourense e membro do comité de empresa”.

Por iso entenden que se está a utilizar a Imprega como un mecanismo de contratación desvencellado das funcións de inserción social e laboral. “O restante 50% repártese entre medio dun difícil equilibrio de poderes e influencias: cargos directivos, encargados, e representantes do propio Concello de Ourense, non existindo constancia algunha de que o persoal contratado por esta segunda vía teña que efectuar pagamento periódico algún”.

Consideran que aínda que a decisión de contratar persoal compételle exclusivamente á dirección das empresas que fan parte da UTE, “non é menos certo que se trata dun servizo público absolutamente esencial, e que estas empresas xestionan máis de 11 millóns de euros de cartos públicos”. Segundo sostén, a “actuación maliciosa” queda acredita pola utilización dunha empresa supostamente de economía social a fin de que unha organización sindical que non representa á totalidade dos traballadores teña control sobre a contratación de persoal con fondos públicos.

Enconsecuencia, estes feitos poderían ser constitutivos dun delito contra os dereitos dos traballadores/as previsto e penado nos artigos 311, 314 e 511 do Código Penal, xa que se están a impoñer condicións non previstas legalmente, como é o pago dunha cota económica para a contratación, “o que supón discriminación no emprego público por razóns de situación familiar ou adscrición a unha asociación, ademais de supoñer unha denegación do acceso ao emprego por manter unha posición de adscrición sindical ou de ausencia da mesma”.


CIG /  Confederación Intersindical Galega /  Ecourense /