Redacción •  Galicia •  15/07/2022

Desconvocada a folga na recollida do lixo do Concello de Vigo tras pactar un convenio que garante o poder adquisitivo

O cadro de persoal de FCC ratificou en asemblea o preacordo.

Desconvocada a folga na recollida do lixo do Concello de Vigo tras pactar un convenio que garante o poder adquisitivo

A folga indefinida prevista no servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Vigo cuxo inicio estaba previsto para as 6:00 horas de hoxe fica finalmente desconvocada unha vez que a asemblea de traballadores/as de FCC ratificou por unanimidade un convenio que garante o poder adquisitivo e mantén as melloras sociais que a dirección pretendía recortar.

Comité de empresa e dirección pactaron un preacordo a última hora da tarde de onte que despois foi avalado polo cadro de persoal na asemblea celebrada nas instalacións da concesionaria. O acordo establece que o convenio estará vixente entre os anos 2022 e 2025, fixando un incremento salarial do 2% en 2022 e 2023; e do 3% en 2024; mentres que para 2025 a suba será do 3% no primeiro semestre e do 1% no segundo.

Ao mesmo tempo, acordouse que unha vez finalizada a vixencia do convenio procederase a unha revisión salarial equivalente á diferencia entre a suba do 11% dos catro anos de convenio e o IPC resultante no mesmo período a 31 de decembro de cada ano; diferencia que se aplicará a 1 de xaneiro de 2026.

Tamén se aumentan de 3 a 4 días anuais de asuntos propios e se establece o abono de 25 días de plus de transporte, coa seguinte progresión: 10 días de plus de transporte por paga en 2026; 15 días por paga en 2027; 20 días por paga en 2028; e 25 días por paga en 2029. E mantense a xubilación parcial, que a empresa pretendía eliminar.

Despedidas históricas

Na asemblea de onte tamén se viviron momentos emotivos coa despedida do presidente do comité, Rufino Santalices, e do delegado da CIG Manuel Zabala, que nos próximos meses abandonarán a empresa e as súas responsabilidades tras varias décadas como representantes sindicais. Santalices foi o encargado de explicarlle a todas as persoas presentes o contido do preacordo, mentres que Zabala trasladou a posición da central sindical favorábel á súa sinatura.

O delegado sindical fixo fincapé en que “a vitoria de hoxe non é só diante da empresa e do Concello, senón diante do propio sistema, nun contexto en que se están a precarizar as condicións laborais do conxunto da clase traballadora e cando compañeiros/as da recollida do lixo doutras cidades están en conflitos duros pola negociación do convenio”.

E chamou a manter acesa a chama da loita para defender un convenio colectivo que é referencia para moitas empresas e sectores e rematou a súa intervención citando ao Che Guevara: <<Onde queira que nos sorprenda a morte, benvida sexa se o noso berro de guerra é escoitado>>. “E sei que aquí hai moitos ouvidos receptivos dispostos a empuñar o fusil imaxinario do futuro”.


CIG /