Redacción •  Galicia •  13/02/2022

Ana Pontón pide unha reflexión dos expertos sobre se é preciso revisar os protocolos de acompañamento das persoas hospitalizadas con COVID

  • Tras escoitar a testemuña de Manuel Iglesias, que non puido estar coa súa nai nos últimos momentos cando estaba ingresada no Álvaro Cunqueiro.
  • Insta a facer unha valoración dos protocolos para evitar dor engadida a situacións moi duras e tendo en conta que o contexto de vacinación masiva e moi distinto o das primeiras ondas da pandemia
Ana Pontón pide unha reflexión dos expertos sobre se é preciso revisar os protocolos de acompañamento das persoas hospitalizadas con COVID

A portavoz nacional, Ana Pontón, xunto coa portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, mantivo un encontro con Manuel Iglesias para coñecer de primeira man o sucedido durante a hospitalización da súa nai no Hospital Álvaro Cunqueiro que, desde a máxima prudencia, debe servir para facer unha reflexión sobre o protocolo das persoas que ingresan por doenzas graves e dan positivo COVID.

“É un tema moi delicado o que nós traslada Manuel, e desde o BNG pensamos que debe servir para tirar conclusións, para que se melloren os protocolos e que haxa un trato o máis humanizado posible ás persoas cando ingresan nun hospital por unha doenza allea ao virus pero termina dando positivo e ingresando en planta COVID”, explicou Pontón.

A líder nacionalista trasladou a súa solidariedade e condolencias a Manuel porque, ademais de enfrontar a dureza da perda dunha nai, a situación agrávase “nunhas circunstancias nas que non podes facer un acompañamento nos últimos momentos de vida”, indicou, “somos conscientes de que é un tema moi delicado, de que a pandemia segue entre nós, pero tamén pensamos que hai que escoitar o que nos están contando persoas como Manuel para adaptar os protocolos, para que se permita o acompañamento as persoas, máxime cando están nunha fase terminal”.

A líder do Bloque deixou claro que é un asunto “que deben analizar e valorar os expertos para determinar se o protocolo actual necesita axustes, para evitar que as persoas nos seus últimos momentos se vexan privadas de ter o acompañamento dos seus seres queridos”, salientou, “o caso que hoxe nos transmite Manuel merece unha reflexión porque todos e todas lembramos ás persoas que faleceron en solitario nas primeiras ondas da pandemia, pero pasaron dous anos e temos un nivel de vacinación moi alto, temos máis información de como evitar o contaxio e todas estas circunstancias deben avaliarse para determinar se o protocolo actual debe ter cambios”.

“Insisto, con toda a cautela e sabendo que son os especialistas os que deben avaliar, pero pensamos que a situación vivida por Manuel e a súa familia marca un punto de inflexión e debe motivar unha reflexión porque temos que poder acompañar ás persoas nos últimos momento da súa vida, para evitar unha dor engadida”.

Manuel Iglesias trasladou a súa valoración tras o vivido no Hospital Álvaro Cunqueiro indicando que tras dous anos de pandemia e coa maioría da poboación vacinada “é momento de repensar este tipo de protocolos, aos que lle falta humanidade porque non podemos privar a ningunha persoa de ter un acompañamento neses últimos momentos de vida. Está é a historia da miña nai, pero é a historia de tantas nais e de tantas familias que sufriron esta situación e penso que é un tema no que todos os actores políticos deben sumar esforzos coa comunidade médica e cos responsables destes protocolos para intentar mudar esta situación, porque é moi tráxica e moi dura. Espero que a miña historia serva para outras familias non teñan que pasar por isto”, demandou.


COVID-19 /  sanidad /