Redacción •  Galicia • 12/10/2020

EU denuncia a incompetencia da Xunta de Galicia na xestión sanitaria de Ourense coa consecuencia de traslado de enfermos a Vigo

  • Eva Solla: “Non se pode responsabilizar desta situación á falta de persoal, a realidade é que se a Xunta se decidise a facer contratos estables habería persoal para cubrir os servizos sanitarios”  
EU denuncia a incompetencia da Xunta de Galicia na xestión sanitaria de Ourense coa consecuencia de traslado de enfermos a Vigo

A Consellería de Sanidade ten iniciado esta mañá o traslado de persoas enfermas da Covid-19 desde o Complexo Hospitalario de Ourense a Vigo. A medida, adoptada por parte da xerencia de Ourense e a Consellería de Sanidade implica desprazar persoas susceptibles de precisar un ingreso nunha unidade de coidados intensivos (UCI).

Esquerda Unida lembra que esta situación é froito da incompetencia da Xunta na xestión da sanidade de Ourense, xa que por unha banda levaron a cabo unha ampliación do hospital absolutamente deficitaria e por outra o maltrato continuo ao persoal sanitario e a precariedade tivo como consecuencia a expulsión de moitos profesionais do sistema.

En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, “non se pode responsabilizar desta situación á falta de persoal” continúa “a realidade é que se a Xunta se decidise a facer contratos estables habería persoal para cubrir os servizos sanitarios. O Partido Popular leva once anos no Goberno e a política de persoal é responsabilidade súa. Tras anos de abandono, agora as consecuencias as paga o persoal que traballa na actualidade, pero tamén as persoas doentes e as súas familias.”

“Ourense continúa sendo unha cidade de segunda para o PP. Como se a xente non tivera dereitos sanitarios e fose normal ter que desprazarse 90 quilómetros para seren atendidos” denuncia Eva Solla.

Esquerda Unida entende que con esta medida, son os cidadáns de Ourense e os de Vigo os que pagan a mala xestión do PP e denuncia o risco desde o punto de vista epidemiolóxico de mover a doentes Covid e ás súas familias por todo o territorio. A organización advirte da necesidade urxente de estabilizar ao persoal sanitario e dimensionar os servizos ás necesidades de cada cidade para evitar estas situacións.


COVID-19 /  Galicia /  Redacción /  Xunta /