Redacción •  Galicia •  08/06/2026

Unha chamada á reflexión: o que a comarca do Deza pode aprender da de Bergantiños

Unha chamada á reflexión: o que a comarca do Deza pode aprender da de Bergantiños

Despoils da rebelión da comarca de Bergantiños contra a instalación dunha planta de biometano na Laracha, facemos un novo chamamento aos Alcaldes/as, concelleiros/as, empresarios/as, e á veciñanza do Deza para que se informen, reflexionen e non se deixen enganar polas falsas promesas da industria do biometano.

Enorme mobilización cunha manifestación multitudinaria o día 9 de maio

Ademais da manifestación, na que participamos membros deste movemento veciñal, a plataforma Stop Biogás da Laracha presentou alegacións colectivas asinadas por unhas 7.000 persoas contra o proxecto, ás que haberá que sumar moitas máis que se presentaron telemáticamente ou por outros medios. Parabéns para os compañeiros da Laracha polo seu gran traballo.

Consenso político contra o proxecto

A Corporación dese Concello, gobernada polo PP, e a Deputación da Coruña, gobernada polo PSOE, rexeitan a planta de biometano en Soandres (A Laracha) por unanimidade de todos os grupos políticos (PP, PSOE e BNG).

Tamén se opoñen a este proxecto outros concellos da zona como: Arteixo (PP), Carballo (BNG), Cerceda (PSOE), Coristanco (PP), Culleredo (PSOE), Laxe (PP) e Malpica (PP).

A declaración unánime da Deputación da Coruña indica que a planta da Laracha (que prevé procesar 63.500 toneladas anuais de residuos) provocaría impactos significativos sobre o medio ambiente, os recursos hídricos e a calidade de vida dos veciños, así como escasa repercusión económica; e sinala que os proxectos de gran escala conlevan «riscos relevantes».

Cómpre recordar que o proxecto de IAM Carbonzero e Mapfre para Agolada-Deza é un 57% maior (100.000 toneladas anuais).

Centos de concelleiros/as e Alcaldes/as de todo o arco político en toda España estanse negando a que esta industria se implante nos seus municipios. Porque esto non vai de cores, vai de fedores, vai de saúde e do futuro dos nosos pobos.

O propio Alcalde da Laracha (PP) explicou, nunha reunión na que estivemos presentes, que visitou unha planta deste tipo en Burgos e outra na Galera (Tarragona) e nas dúas os fedores eran importantes e os camións “cheiraban aínda máis cando saían da planta que cando entraban”.

Unha industria que se esconde ata o último momento non pode ser beneficiosa para os pobos.

No ano 2022 o proxecto da Laracha obtivo o informe de compatibilidade urbanística e foi declarado proxecto prioritario pola Xunta de Galicia, pero a veciñanza coñeceu a súa existencia unhas semanas antes de que saíra publicado no DOG para exposición pública. Como dicía unha pancarta na manifestación do día 9 de maio: “2022-2026 Catro anos de silencio”. Se esta industria fora beneficiososa para o rural non tería que ocultarse.

En Agolada tivemos a sorte de que nos informaron os propietarios que se negan a vender os terreos á empresa, quen son os nosos heroes locais.

Os gandeiros do Deza non necesitan que ninguén lles valorice o xurro, o que precisan é base territorial onde empregalo, axudas para ampliar as fósas ou para puntos de acumulación de excedentes ou mesmo para plantas de autoconsumo onde xerar eles asúa enerxía, o modelo predominante en Alemaña, Francia e Italia, coa xestión dos residuos no punto de orixe tal e como establece a Directiva de Residuos (2008/98/CE).

As macroplantas promovidas por empresas gasísticas e fondos de investimento de capital risco, só son outro espolio ao mundo rural disfrazado de verde.

O pretexto dos xurros

Os excedentes de xurros son a forma de xustificar a implantación destas plantas nas comarcas gandeiras, pero teñen fortes incentivos económicos para utilizar a menor cantidade posible.

No proxecto da Laracha máis do 80% dos residuos que pretenden procesar son lodos de conserveiras e só un 4,72% son xurros.

(páxina 117 do Proxecto básico AAI)

b) As industrias pagan por desfacerse dos residuos: a empresa promotora da Laracha prevé recibir máis do 20% dos ingresos (1,46 millóns de € anuais) por primas cobradas ás empresas polo tratamento dos seus residuos. En concreto cobrará 15€ por cada tonelada de lodos de conserveira e lactosoros, e 100€ por tonelada de restos de matadoiros.

(Páxina 97 do proxecto técnico básico)

A industria do biometano pagará aos gandeiros polos xurros podendo cobrar por materias primas con maior rendemento enerxético?

Aínda que algúns proxectos inicialmente contemplan que aproximadamente a metade do que procesen serán xurros, unha vez instaladas resulta bastante fácil solicitar e obter modificacións non substancias para substituír uns residuos por outros.

Ao anterior hai que engadir que os expertos coinciden en que o movemento continuo de camións cargados de xurros, residuos de matadoiros e cadáveres polas comarcas supón un importante risco de transmisión de enfermidades como a peste porcina e a dermatose nodular.

Unha loita transversal en toda España

Veciñanza, empresarios, agricultores e representantes políticos están en pé de guerra loitando xuntos contra esta industria en moitos pobos:

– A Asociación de Empresarios do polígono industrial de Molina do Segura acude aos tribunais pola planta de biogás e advirten de que van chegar ata o final e non van permitir que decisións que afectan directamente á integridade de traballadores, empresas e ao medio ambiente queden sen aclarar.

– En Antequera os agricultores saíron ás rúas contra Mercosur e contra a proliferación de macroplantas enerxéticas eólicas e de biometano, que ocupan terras fértiles, sacrificando o campo en favor dun modelo enerxético que ignora o impacto sobre o tecido rural.

– En Albacete, regantes e asociacións únense contra as plantas de biogás, alertando das súas consecuencias na agricultura, o medio ambiente, a saúde, o turismo e o emprego.

Estas plantas van cheirar e afectar á saúde de todos, independentemente da profesión, actividade económica ou filiación política. É unha loita transversal e apartidista, e quen afirma que as plataformas estamos politizadas só é porque lle resulta máis fácil iso que rebater os argumentos fundamentados en estudos científicos a na experiencia doutros pobos que sofren as consecuencias desta industria destructiva, como As Somozas, Casasbuenas, Balsa de Ves, Lluxent, La Galera, …

Dezanos/as, imos cargar nós co morto dunha industria que non quere ningún pobo? Ou imos loitar con uñas e dentes como a comarca de Bergantiños?

Facemos público o informe que debería poñer punto e final ao proxecto de Dafo Energías SL en Silleda

Por último, cremos convinte facer público o informe emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en relación co proxecto promovido por Dafo Energías, SL no polígono industrial de Silleda, onde se indica que as actuación son INCOMPATIBLES coa protección do patrimonio e a conservación dos valores do Camiño de Santiago, ao atoparse a parcela onde pretende ubicarse a planta dentro do ámbito histórico da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe e establecer o artigo 78.3 da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia que no ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago se prohíben as instalacións para a xestión de residuos.

Segundo nos informan na asesoría xurídica de Stop Ganadería Industrial, onde coñecidos e prestixiosos avogados nos asesoran de xeito altruista, o dito informe debería ser suficiente para paralizar o proxecto.


biometano /