O BNG denuncia que o Goberno do PP afoga a universidade pública mentres lle pon unha alfombra vermella á privada
Propón un xiro de 180 graos para aumentar o financiamento no próximo plan 2028-32 co obxectivo de acadar o equivalente ao 1,5 % do PIB.
“O PP apoia un modelo no que facer un grao de Enfermería son 43.200 € e, ademais, incumpre a lei. Rueda copia a Ayuso”, advirte Daniel Castro.

O portavoz de Universidades do BNG no Parlamento, Daniel Castro, denunciou a “política anti-universidade pública” do Goberno do PP na Xunta, ao que acusou de poñerlle “unha alfombra vermella” á privada mentres afoga economicamente os campus da pública, para os que reclamou máis recursos no marco das negociacións para un novo plan de financiamento.
“O que vemos por parte do PP é un copia e pega cada vez máis claro da política que practica Ayuso, con ataques directos ás universidades públicas e manga ancha para a privada, mesmo a costa de incumprir a lei”, sostivo o deputado nacionalista, lembrando que o Consello da Xunta vén de darlle luz verde ao grao de Enfermería da universidade de Abanca, como anteriormente fixo co de Psicoloxía e Dereito, malia que son estudos que xa existen e que a lei galega prohibe taxativamente duplicar.
Castro censurou así a “ayusización” da política universitaria do PP en Galiza, apoiando “un modelo no que facer un grao de Enfermería son 43.200 euros e, ademais, incumprindo a lei”. “Rueda copia a Ayuso”, criticou, para advertir a continuación das consecuencias que a “asfixia económica” que os reitorados da pública veñen denunciando desde hai anos ten tanto para tanto para as universidades como para o conxunto do País. “Cantas familias poden pagar 43.000 euros”, preguntou.
É por iso que o BNG reclama un “xiro de 180 º” na política do Goberno do PP, apoiando á universidade pública que é, argumentou, a que investiga, a que innova e a que xera coñecemento. E, ademais, “a única que garante a igualdade de oportunidades para todos e todas, máis aló de cal sexa a conta bancaria da familia na que naces”.
No marco das negociacións abertas para un novo plan de financiamento 2028-32, a prosposta do Bloque, expuxo Castro, pasa por incrementar os cartos que recibe a universidade pública co obxectivo de chegar ao equivalente ao 1,5 % do PIB, “o que permitiría fortalecer o noso sistema universitario, a investigación e ofrecer máis e mellores posibilidades de desenvolvemento económico e social”.
De acordo coas cifras que aportan os reitorados, o financiamento do Sistema Universitario de Galiza (SUG) recibe agora entre o 0,6 e o 0,75 % do PIB, subliñou o deputado nacionalista, incidindo na necesidade de que Galiza converxa cos países europeos que xa acadaron o 1,5 % e outros territorios do Estado “que xa acadaron o 1 % e van camiño de aumentalo”.
O deputado do BNG reclamou o Executivo de Rueda que “non tire pola borda catro anos máis” porque, subliñou, os campus públicos levan anos funcionando sen os recursos necesarios e agardando por un financiamento xusto e digno “que garanta unha universidade pública de calidade, competitiva, vangardista e capaz de dar a mellor formación á mocidade galega”.
En resposta aos medios de comunicación, Castro fixo referencia á situación económica que atravesa a Universidade da Coruña e á posición que, sobre esta cuestión, está a ter a Consellería de Educación. “Sorprende ver a Román Rodríguez sinalando aos reitores da universidade pública e facendo de mamporrero na vez de exercer de conselleiro para facer, por exemplo, que a UDC siga sen ter ningunha residencia pública para estudantes”, censurou.
Relacionado
Información en la que puede confiar:
Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com
