‘’Adiante. A palabra de Xosé Velo’’, cinco poemas de Pepe Velo musicados por Sindo Otero
O Comité de Memoria Histórica da Comarca e a Fundación Moncho Reboiras colaboran na recuperación da obra do poeta celanovés.
Hoxe, cando se cumpren 90 anos da publicación en Celanova do primeiro e único número de Adiante, semanario da Mocedade Galeguista, o Comité de Memoria Histórica de Celanova e a Fundación Moncho Reboiras avanzan a publicación do disco Adiante. A palabra de Xosé Velo, no que o músico Sindo Otero recrea e pon música a cinco poemas do autor celanovés, un dos fundadores daquelas mocidades e editor do Adiante, que é o título dun dos poemas recuperados e do propio disco.
Sindo Otero Badás (Bande1965) é músico e excompoñente de Kérkennai, formación coa que ten actuado a nivel nacional e internacional. En agosto do 2020, durante unha conferencia en Celanova do historiador Xosé Estévez sobre Pepe Velo, xa presentou unha versión musicada do poema Carceleiriña, que fai parte desta obra.
O disco estase a gravar nos estudos Visué, de Suevos (A Coruña), co acompañamento nas voces de Camila Álvarez e Manuel Abalo, e no piano e na produción de Nacho Varela. Constará de cinco pezas orixinais con letras de Xosé Velo, entre as que se inclúen dous poemas manuscritos do propio autor e un audio coa voz de Velo. O poema que dá título ao disco, Adiante!, foi escrito por Velo en 1932.