Redacción •  Galicia •  26/06/2026

As III Xornadas Memoria e Muller arrancan mañá en Celanova con voces de referencia na investigación sobre a República e o franquismo

  • O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova celebra os días 27 e 28 de xuño, no Auditorio Municipal Ilduara, a terceira edición das Xornadas Memoria e Muller, baixo o lema Lembranza de María Cabaco, en homenaxe á fundadora e exvicepresidenta do Comité, falecida en febreiro deste ano.
As III Xornadas Memoria e Muller arrancan mañá en Celanova con voces de referencia na investigación sobre a República e o franquismo

Mañá sábado, as xornadas arrancan ás 10.30 h. coa presentación institucional, seguida das palestras de Lola Varela —sobre as conquistas das mulleres na II República—, do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro —referente no estudo do sistema carcerario franquista e da represión na comarca— e de Tamara López Fernández, investigadora da USC e especialista en violencias de xénero durante a ditadura. Ás 13.00 h., Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentarán o ensaio Mulleres Libertarias na Galiza (1891-1976) (Editorial Imperdible), obra que revisa a participación feminina no movemento anarquista galego e a represión que sufriron: de entre un mínimo de 950 cadros represaliados, polo menos 110 eran mulleres. Pola tarde, ás 16.15 h., terá lugar unha mesa redonda con familiares de presas e mestras vítimas da represión, moderada pola xornalista Nuria López, coa historiadora Rosa Cid Galante e con testemuños inéditos de familiares das represariadas.

O domingo, ás 11.00 h., Aurora Marco —recente galardoada co Premio Peña Novo— presentará o ensaio María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo (Alvarellos Editora). E ás 12.30 h. terá lugar a inauguración da exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova, comisariada por Rosa Cid Galante e amadriñada pola propia Aurora Marco. O acto contará coa presenza do Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e do Alcalde de Celanova, Antonio Puga.

A mostra, financiada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática, recupera os nomes e as historias de decenas de mulleres silenciadas durante case noventa anos: presas que sufriron humillacións e torturas na cadea de partido de Celanova —xa en xullo de 1936—, e mestras depuradas polo réxime. Permanecerá aberta no Auditorio Municipal Ilduara até o 17 de xullo, de luns a sábado de 10.30 a 13.30 h., con entrada libre e gratuíta.


Celanova / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com