Redacción •  Xunta de Galicia •  Galicia •  28/06/2016

Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta que respecte as condicións laborais das persoas traballadoras da Galiña Azul

O deputado Xabier Ron amosa o seu apoio ás empregadas que se manifestarán mañá ás sete do serán perante o Parlamento contra o desmantelamento da rede de escolas infantís de Galicia.

Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta que respecte as condicións laborais das persoas traballadoras da Galiña Azul
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición non de Lei en que esixe á Xunta que respecte as condicións laborais do persoal das escolas infantís agrupadas so o nome da Galiña Azul. A iniciativa insta ao Goberno de Feijóo a que rectifique “a política de amortizacións do Consorcio Galego de Benestar”; a que “estabeleza un convenio xusto”; a “asignar recursos abondo para garantir a calidade do servizo público” e máis “persoal administrativo”; a “reducir o cociente de alumnos por educador” e “a incrementar os cursos formativos para o persoal”.
 
“A Consellaría de Benestar reduce día a día o persoal das escolas infantís da Galiña Azul”, denuncia o deputado de AGE Xabier Ron “e deteriora e degrada o servizo ás crianzas, amais de dificultar a conciliación das familias por teren só unha persoa de referencia nas escolas”. Ron reclama da Xunta que cese no desmantelamento da Galiña Azul e amosa o seu apoio ás empregadas e empregados que se manifestarán mañá, ás sete do serán, perante o Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela.
 
AGE solicita ao Consorcio Galego de Benestar que remate «con esta situación de desmantelamento da rede» e que «dende a Xunta se garanta o cumprimento dos parámetros de calidade cos que foi creada» alertando de que a política do actual Goberno galego está poñendo en perigo o proxecto educativos das escolas infantís.

AGE /  Alternativa Gelega de Esquerda /  escolas infantís /  Xunta de Galicia /