Redacción •  Galicia •  27/09/2019

Esquerda Unida súmase á alianza mundial pola declaración da Emerxencia Climática no Planeta

“Realizar campañas informativas e de sensibilización sobre a realidade da emerxencia climática, promover o uso do transporte público e a mobilidade non contaminante e fomentar a alimentación con produtos frescos e de proximidade xunto co consumo responsable son algunhas das medidas necesarias que deberíamos impulsar”, enumera Guillermo Crego.

Esquerda Unida súmase á alianza mundial pola declaración da Emerxencia Climática no Planeta

Neste vindeiro 27 de setembro, dende os colectivos ecoloxistas, con gran representación da nosa mocidade, faremos a primeira folga mundial polo clima. Esquerda Unida súmase e chama a participar tendo moi presente que o noso planeta está en risco e, aínda que o proceso é irreversible, estamos a tempo de que non sexa devastador se actuamos de forma urxente. “O sistema produtivo da economía capitalista non é compatible co mantemento da biodiversidade do noso planeta e o modelo de consumo actúa perniciosamente contra o clima, afectando negativamente aos ecosistemas”, di o responsable de Estratexias para o Conflito de Esquerda Unida, Guillermo Crego.

Segundo explica Crego, “é imprescindible asumir que sen un cambio radical do modelo económico e, por tanto, das nosas relacións e da nosa forma de vida, é imposible atallar a emerxencia climática”. Para o responsable de Estratexias para o Conflito de Esquerda Unida, “non é suficiente con o reducir consumo, mais ben é imprescindible repensar o modelo, producir o que se precisa e recuperar empregos vinculados ao sostemento humano e a produción local”.

Resulta totalmente urxente responder á crise ambiental e, dende Esquerda Unida, temos claro que o urxente é declarar a Emerxencia Climática, o que implica asumir o cumprimento de compromisos políticos reais e vinculantes, cunha asignación de recursos suficientes para facer fronte a esta crise. Os diferentes gobernos e administracións teñen que comprometerse a levar unha folla de ruta capaz de garantir as reducións dos gases de efecto invernadoiro, apostar polas enerxías renovables e reducir as emisións de carbono.

“Realizar campañas informativas e de sensibilización sobre a realidade da emerxencia climática, promover o uso do transporte colectivo e público e a mobilidade non contaminante e fomentar a alimentación con produtos frescos e de proximidade  quilómetro cero xunto co consumo responsable son algunhas das medidas necesarias que deberíamos impulsar”, enumera Guillermo Crego, que reitera a necesidade de que as institucións, de maneira planificada, se involucren con medidas reais para abordar esta situación de extrema gravidade.

Dende Esquerda Unida reitera que ante o reto que supón o colapso climático temos que mobilizarnos e construír alternativas que repartan o dispoñible e aseguren ás persoas ter unha vida digna. “Por iso dicimos que o capitalismo non é verde e que, dentro deste modelo, que se sustenta nun proceso de acumulación ilimitada, non atoparemos ningunha solución ou resposta ás necesidades que ten o noso planeta”, remata Crego.


Emergencia Climática /  Galicia /  Huelga Mundial por el Clima /