En Marea •  Redacción •  Galicia •  25/08/2016

En Marea presenta en Ourense unha candidatura “honesta, de dignidade, decencia e solvente” fronte a “coalición sectaria de Feijóo e Baltar”

En Marea presentou esta mañá a súa candidatura para as vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia pola provincia de Ourense. O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, acompañou aos homes e mulleres que integran a candidatura nun acto no que salientouse o proxecto que presenta En Marea, un proxecto “honesto, de dignidade, decencia e solvencia” fronte a oferta de Núñez Feijóo para esta provincia, “Baltar e a súa monarquía baltárica onde se estila o dedazo, o silencio imposto pola chantaxe, o caciquismo e o suborno”. “Esa é a aposta e o escaparate de Feijóo en Ourense, a súa coalición sectaria. Feijóo está a ofrecer a miseria moral para Ourense co seu candidato, unha personaxe máis apropiada para protagonizar a vindeira saga de Torrente que para gobernar esta provincia” afirmou Villares.

En Marea presenta en Ourense unha candidatura “honesta, de dignidade, decencia e solvente” fronte a “coalición sectaria de Feijóo e Baltar”

Fronte a oferta baltárica do PP, En Marea ofrece un proxecto nacional para Galicia, “un país rico coa mellor materia prima que é a súa xente obrigada a ter que deixar o noso país por parte dos seus gobernante, indignos de ocupar os cargos que ocupan”. Un país entendido na súa totalidade con solidariedade plena entre interior e costa, entre zonas máis poboadas e menos poboadas. “Non hai dereito en deixar a alguén atrás porque viva nunha aldea, ou que viva dun sector produtivo en crise, ou simplemente porque non nos voten. Temos que acabar co clientelismo, nós non seremos sectarios como o PP” asegurou o candidato de En Marea á presidencia da Xunta. “O PP tivo oito anos para presentar e cumprir promesas e plans agora coas eleccións ás portas ben coa maleta chea de promesas, mentres que todos estes anos dedicouse a lle ensinar a maleta a moita xente. Agora somos nós os que lle imos poñer a maleta na casa para que marchen” concluíu Luís Villares.

O número 2 da candidatura por Ourense, David Rodríguez, salientou a figura do candidato de En Marea que asegurou “é o mellor candidato para guiar a esta Marea máis alén da maioría absoluta, un candidato para presidir con maiúsculas a Xunta de Galicia”. Así mesmo, destacou o compromiso e arraigo coa nosa lingua e as nosas artes da cabeza de lista por Ourense, Ánxeles Cuña, quen pola súa banda puxo de manifesto o equilibrio da lista de En Marea na provincia. “Somos plurais e diversos como a sociedade, non estamos uniformados, pero compartimos a vontade de remar todos e todas cara o ben común que é o noso único obxectivo” asegurou Ánxeles Cuña.

Na súa intervención a cabeza de lista por Ourense sinalou algúns dos principios que comparten os integrantes de En Marea como é o de horizontalidade cunha nova maneira de operar na política sempre desde a participación; o principio da igualdade, unha absoluta prioridade para En Marea; a transparencia como algo real non só unha palabra e cumprindo co deber de render contas ante á cidadanía pola xestión realizada. A cabeza de lista por Ourense rematou a súa intervención asegurando que os homes e mulleres de En Marea “vimos armadas con vontade ética, valores, civismo e responsabilidade con moitas ganas de traballar. A Marea chega xa a Ourense onde todas as augas son benvidas”.


En Marea /