Redacción •  Galicia • 23/06/2020

Gómez Reino: «Feijóo non fixo nada polo mar en once anos. O futuro goberno da Xunta saberá loitar polo sector ante Madrid e Bruselas”

  • Galicia en Común colocará o mar “na proa do goberno da Xunta” impulsando o marisqueo e cun novo plan de saneamento das rías galegas.
  • “Nesta noite de San Xoán imos queimar todo o vello que representa Feijóo e empezaremos a construir o futuro que chegará o 12 de xullo”.
Gómez Reino: «Feijóo non fixo nada polo mar en once anos. O futuro goberno da Xunta saberá loitar polo sector ante Madrid e Bruselas”

A Pobra do Caramiñal, 23 de xuño de 2020.– Galicia en Común-Anova Mareas iniciou a súa caravana electoral nun acto na praza do Cantón da Leña da Pobra do Caramiñal, na comarca do Barbanza. Nel participaron o alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro, as candidatas Natalia Brión e Marta Lois, a número dous pola provincia da Coruña, Luca Chao e o candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino.

Gómez Reino incidiu na “importancia que ten o sector do mar en Galicia que nos últimos anos co goberno do PP de Feijóo perdeu máis de 500 embarcacións e preto de 4.000 postos de traballo”.

O candidato chamou á mobilización da comarca do Barbanza e apelou ao espírito da noite de San Xoán onde “imos queimar todo o vello que representa Feijóo e empezaremos a construir o futuro que chegará o 12 de xullo”.

O candidato anunciou as medidas que recolle o programa de Galicia en Común-Anova Mareas para o sector do mar como é un “Plan integral de saneamento e xestión das rías galegas”, para mellorar a calidade das augas nas zonas de marisqueo; un novo plan marisqueiro que incremente o espazo destinado á explotación e aumente o número de permisos de explotación así como combater o furtivismo.

“Alguén lembra que fixo Feijóo pola comarca do Barbanza nos últimos anos?”, preguntouse Gómez Reino que engadiu que “precisamos un goberno na Xunta que defenda o sector do mar en Madrid e en Bruselas”.

Finalmente reiterou que “nos separa tan só un punto da victoria e iso son arredor de 10.000 votos” e chamou á mobilización de toda a cidadanía “para que o goberno que saia das eleccións o vindeiro 12 de xullo ofreza outra alternativa á receita de Feijóo para saír da crise económica e social que se nos vén enriba, non con recortes, precariedade e emigración da mocidade senón pensando nas maiorías sociais”.

No acto, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, puxo en valor o ADN desta candidatura “que prima o interese público por riba dos intereses partidistas” e lembrou que a Pobra do Caramiñal foi “unha das vilas máis afectadas pola crise do coronavirus que merece unha saída onde se prime o interese xeral”.

Marta Lois incidiu no carácter plural da candidatura de Galicia en Común, “onde as persoas están no centro” lembrando o traballo feito no último mandato polos gobernos do cambio nas cidades “onde se multiplicou o investimento social e se puxo o foco nas políticas verdes, de vivenda e igualdade”.

En clave de igualdade se pronunciou a número dous pola Coruña, Luca Chao que puxo en valor “as mulleres da comarca do Barbanza, “mulleres da conserva que seguiron a soportar xornadas durísimas voltando a casa coa doble e triple xornada que implican os coidados.

A mensaxe que manda o señor Feijóo ás mulleres mentres seguen pechados centros de día e escolas infantís é que deben seguir facéndose cargo de todo o sistema, que deben seguir onde sempre estiveron…”.


Galicia en Común-Anova Mareas /  Xosé Lois Piñeiro /