Redacción •  Galicia • 10/07/2020

Gómez Reino: ”A Galicia do Nunca Máis ten que activarse este domingo para rematar cun Feijóo que é un problema para a saúde democrática do país”

  • Juantxo López de Uralde: “Galicia necesita un goberno galego que poña no foco as políticas de defensa do medio ambiente e de loita contra o cambio climático”.
  • David Bruzos: «Esta provincia será clave o domingo porque Ourense tense que despegar xa do caciquismo de 11 anos de Feijóo e os 40 do baltarismo».
Gómez Reino: ”A Galicia do Nunca Máis ten que activarse este domingo para rematar cun Feijóo que é un problema para a saúde democrática do país”

Ourense, 10 de xullo de 2020.- O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, achegouse esta mañá a Ourense co cabeza de lista pola provincia, David Bruzos, e o deputado no Congreso, Juantxo López de Uralde, para dar conta dalgunhas das problemáticas que afectan á provincia de Ourense.

Antón Gómez Reino enviou unha primeira mensaxe referida ao acontecido estes días na Mariña “cunha ocultación de datos e unha irresponsabilidade manifesta do señor Feijóo, que nos lembra a pérfida xestión que fixo o PP en crises pasadas como a do Prestige”. Nese sentido, o candidato chamou a que “a Galicia do Nunca Máis se mobilice para acabar con estes anos de ocultación e de corrupción dun Feijóo que é un problema para a saúde democrática do país”.

Preguntado pola resolución da JEC que desestima o recurso presentado por Galicia en Común en relación á celebración dos comicios na Mariña, Gómez Reino reiterou que a “Junta Electoral Central se exime da súa responsabilidade cando estamos vendo que os datos de contaxio da Mariña son moi superiores a cando se decretou o Estado de Alarma no mes de marzo” e anunciou que “iremos ata as últimas consecuencias co noso recurso porque é prioritario que se “garantan os dereitos democráticos e o dereito á saúde na Mariña”.

O deputado no Congreso, Juantxo López de Uralde, quixo acompañar a Galicia en Común na fase final da campaña para poñer o foco na cuestión medioambiental “e o papel do ecoloxismo no programa desta formación”.

Para López de Uralde “Galicia necesita un goberno galego que poña no foco as políticas de defensa do medio ambiente e de loita contra o cambio climático”. O deputado mencionou os tres problemas que máis afectan a Ourense e que teñen que ver coa ausencia de preocupación nas cuestións medioambientais.

“Hai que subliñar”, asegurou, “que nesta provincia dase o proceso de maior perda de poboación no rural de todo o Estado influindo, xunto a falta de  medios e de previsión da Xunta de Galicia, nos incendios forestais”.

Pola súa banda David Bruzos puxo o foco no paso cara atrás que supuxo para Ourense “11 anos de goberno de Feijóo, 40 anos de goberno do clan dos Baltar e o último ano de goberno municipal de Jácome apoiado polo propio Partido Popular”.

Para o número 1 pola provincia isto resulta “fundamental para entender como esta provincia segue sen poder despegar, tanto a nivel de emprego como de economía, a pesar da riqueza da provincia” e engadiu que Ourense “xogará un papel fundamental no cambio político no país”.


Antón Gómez-Reino /  Galicia en Común-Anova Mareas /  Redacción /