Redacción •  Galicia •  20/02/2020

«Vivienda Digna e accesible xa!» A nova campaña de Anega contra o dramático incremento do prezo dos alugueiros

A organización estudantil comezou cunha pegada de cartaces en Compostela para visibilizar a problemática, que afecta especialmente ao estudantado de toda Galicia.

«Vivienda Digna e accesible xa!» A nova campaña de Anega contra o dramático incremento do prezo dos alugueiros

Pisos a prezos cada vez máis elevados e mesmo en condicións insalubres; esta é a realidade que enfrontan milleiros de estudantes en Santiago de Compostela e no resto de cidades galegas. O alugueiro na capital pasou a custar de media 514,6€ mensuais o pasado xullo a 589€ agora en xaneiro, sendo aínda maior a suba no distrito do Ensanche, que concentra a meirande parte do estudantado universitario: foi de 539€ a 622,5€ de media. Previsiblemente, esta tendencia continuará á alza ata xullo de este ano, e, especialmente, de cara ao Xacobeo 2021, debido á proliferación do alugueiro de pisos turísticos

En palabras de Ana Fidalgo, responsable de relacións sociopolíticas de ANEGA, “moitas estudantes agora estamos na situación de ter que vivir na periferia ou marchar directamente a concellos limítrofes coma Milladoiro”. Ademais, indicou que “nos pisos atopamos dende humidades tremendas, mobiliario roto ou fugas de gas ata pragas e outras condicións totalmente insalubres, así coma abusos dos caseiros respecto dos dereitos das inquilinas”.

Nesta primeira fase da campaña, ANEGA pulará por visibilizar o problema a través de accións coma pegada de cartaces, campañas en redes sociais e actos relacionados. Posteriormente procederase a recoller os dereitos que posúen os inquilinos, así coma a tomar contacto cos diferentes axentes sociais e políticos implicados de cara a formular e esixir medidas concretas para paliar esta situación, que afecta de forma totalmente urxente ás condicións de vida do estudantado.


ANEGA /