Redacción •  Galicia •  09/09/2020

ANPAs e asociacións estudantís apoian a convocatoria de folga no ensino os días 10 e 16 de setembro

As dúas confederacións de ANPAs que existen a nivel galego, ANPAS GALEGAS e CONFAPA, e os sindicatos de estudantado Erguer e Anega, arrouparon esta semana as organizacións sindicais convocantes da folga no ensino público os días 10 e 16, coincidindo co inicio de curso nas etapas de infantil, primaria e educación especial, e nas de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial respectivamente.

ANPAs e asociacións estudantís apoian a convocatoria de folga no ensino os días 10 e 16 de setembro

Tal e como se recolle nun manifesto do que deron lectura diante da da Consellaría de Educación “o Ensino Público Galego non pode parar por unha crise sanitaria tan duradeira como a que estamos vivindo, terase que readaptar, reorganizar, adquirir outras competencias e deseñar doutro xeito, pero ten que continuar, e ten que facelo favorecendo a presencialidade nas aulas, que é tanto como favorecer a equidade e a inclusión das nenas e nenos galegos. Pero iso non pode facerse ao prezo da saúde da sociedade, nin da seguridade das súas crianzas.”

Ademais engaden que as instrucións ditaminadas o 31 de agosto, “non só son ineficaces senón mesmo perigosas para a saúde do alumnado, o profesorado e o persoal non docente galego, o que, por extensión, implica á sociedade no seu conxunto”.

Representantes das familias e do alumnado puxéronlle deberes ao “novo” conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que coñece ben o seu departamento e debería empezar por recibir a todas as organizacións representativas da comunidade educativa para rectificar o nefasto protocolo que levou á folga convocada pola CIG-Ensino e outros tres sindicatos.

DISTANCIA DE SEGURIDADE TAMÉN EN PRIMARIA

Entre as principais reivindicacións recollidas no manifesto reclaman que se eliminen as desigualdades entre primaria e secundaria e que “o metro e medio de distancia de seguridade se implante para todo o alumnado galego, garantindo así unha seguridade obxectiva que exceda o arriscado concepto de “grupo de convivencia estable”.

Esta distancia debe aplicarse tamén nos servizos complementarios (transporte, comedores, madrugadores e actividades de conciliación que se desenvolvan ao abeiro da actividade educativa) para garantir a protección cos criterios obxectivos que marcan as autoridades sanitarias de alumnado, profesorado e persoal non docente.

Rexeitan que a primeira consecuencia do distanciamento sexa a procura de aulas máis grandes para poder manter os rateos do alumnado. “A necesidade sanitaria, pero sobre todo a educativa, recomenda grupos pequenos: as aulas serven, o problema é a cantidade de alumnado que hai no seu interior. Precisamos máis aulas, e máis docentes. Están aí as dotacións municipais e autonómicas baleiras en horarios lectivos, que se utilicen”, apuntan.

Mención especial merece o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que leva seis meses totalmente desatendido e que debe ser atendido de forma prioritaria e con todos os recursos necesarios.

Ademais da contratación de máis profesorado reclaman tamén máis efectivos de limpeza para que sexa realmente persoal cualificado o que realice estas función, así como a dotación de partidas específicas para que os centros poidan facer fronte a todos os gastos derivados da compra de material de hixiene e protección, nomeadamente das máscaras de alumnado e profesorado.

ALUMNADO E PROFESORADO DE RISCO

As asociacións de familias e estudantís reclaman que no caso de alumnado vulnerable ou que conviva con persoas de risco, previo informe médico, se autorice a súa atención domiciliaria. O mesmo ocorre no caso do persoal docente ou non docente. “A administración educativa debe prover os medios para que poidan traballar sen asistir aos centros escolares e levar a cabo a inmediata substitución de todas as docentes que poidan precisar non asistir a clases en calquera momento do curso escolar”.

Reclaman ademais máis medios tecnolóxicos para facer fronte a unha eventual situación de ensino on line, que non podería caer de novo na improvisación despois da experiencia vivida no último trimestre do curso pasado.

Os promotores do manifesto lembraron que a administración educativa é a última e única responsable de todo o que ocorra nos centros educativos. “Debe ser quen avale os plans de adaptación, así como os plans de continxencia, e quen deseñe e garanta os anexos protocolarios das actividades complementares que realicen ANPAs ou Concellos. Non cabe supoñer que traballadoras do ensino ou familias voluntarias teñan que facer outra cousa diferente que aplicar a normativa, que debe vir elaborada pola autoridade responsábel, que ten tamén que poñer os medios suplementares necesarios para que estas actividades poidan desenvolverse, adaptándose ás novas necesidades sanitarias”.


ANEGA /  Consellería de Educación /  ensino público /  Xunta de Galicia /