Redacción •  Galicia • 17/02/2020

Eva Solla: “Esquerda Unida está a traballar nunha Lei de Emprego para mellorar a situación das persoas máis vulnerables”

“A mellora do emprego é a principal prioridade para Esquerda Unida e así se trasladará ao programa de confluencia, con propostas específicas para persoas desempregadas de longa duración, melloras para a mocidade, persoas maiores de 45 anos ou as que tiveron que marchar para traballar fóra, entre outras”, apunta a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Eva Solla: “Esquerda Unida está a traballar nunha Lei de Emprego para mellorar a situación das persoas máis vulnerables”

Compostela, 17 de febreiro de 2020. Eva Solla ofreceu unha rolda de prensa en Compostela esta mañá na que destacou as propostas en materia de emprego e  contra a precariedade laboral que dende Esquerda Unida estamos a traballar. A coordinadora nacional lembrou, nada máis comezar a rolda de prensa, que “dende esta organización queremos tratar unha prioridade: a situación do emprego do noso país” e, para iso, esta mañá presentamos unhas medidas e propostas que estamos a traballar para elaborar unha Lei de Emprego para Galicia.

Para Esquerda Unida o desemprego é a principal prioridade sobre a que actuar, xa que é “o principal problema para as galegas e galegos, seguido da precariedade laboral,” polo que os problemas de índole económica e relacionados co emprego supoñen unha das principais preocupacións na nosa sociedade. “Dende decembro estamos a traballar nas propostas do programa e este traballo estará incluído nun acordo de coalición que estamos a traballar”, dixo a coordinadora nacional de Esquerda Unida. 

Solla lembrou que a “última década de Goberno de Feijóo ten un balance totalmente negativo en materia de emprego, dando como resultado a perda de máis de 50.000 postos de traballo en dez anos”, apuntou. Nestes últimos anos, a cifra resulta aínda máis alarmante “se temos en conta a caída do 40% do emprego xuvenil, que mostra a falta de oportunidades para a xente moza, ou a baixa porcentaxe de incorporación ao mercado laboral dos maiores de 45 anos”, lembrou.

Xerar emprego de calidade e reducir o paro debe ser o eixo  sobre o que traballar e, para iso, Solla recalcou varias propostas que pasan por: “a recuperación do emprego público, o fomento das actividades vinculadas a un cambio de modelo produtivo e de transición enerxética e as actividades vinculadas ao tecido industrial e sectores primarios”, a través de estas ideas Solla anunciou a proposta dunha Lei de Emprego para Galicia. “O PP incumpriu a promesa electoral de Lei de Emprego para Galicia. Hoxe trasladamos que estamos a traballar nunha Lei de Emprego para mellorar a vida das persoas e que estará no noso programa”.

O primeiro punto desta Lei de Emprego que estamos a elaborar é a reforma ou modificación do Servizo Público de Emprego. “Queremos que o Servizo Público de Emprego no noso país sexa un verdadeiro axente de busca activa de emprego e de orientación, para iso, consideramos necesario incrementar o persoal público. A mellora na formación para emprego, a orientación para busca de emprego e servir de ponte para que as empresas usen este servizo para buscar o persoal que precisa son tres cuestións prioritarias para desenvolver”, explicou.

Outros colectivos aos que se dirixe esta lei son “á xente moza e, doutra banda, a xente que tivo que emigrar para conseguir un posto de traballo, ese capital humano que é fundamental para nutrir a man de obra dos sectores da nosa industria, evitando o peche de empresas estratéxicas”.

Segundo sinalou Solla, o Servizo de Emprego ten “importantes carencias” que fan que atopar emprego sexa moi complicado para “desempregados de longa duración ou a mocidade”, por exemplo. O actual modelo tampouco é o máis axeitado para rematar coa precariedade asentada e coas e cos traballadores pobres, por iso precisamos axudas e plans de emprego específicos para colectivos que vaian vinculadas ao mantemento de emprego de calidade e a longo prazo.

Outro dos piares desta lei centrase no “aumento de recursos para o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral”, xa que a inspección debe mellorar no referido a tres elementos: redución de sinistralidade laboral por medio de máis inspeccións (Galicia segue a ser unha das comunidades con maior sinistralidade); medidas para rematar coa fraude na contratación e, por último, rematar coa fenda salarial por motivos de xénero. Por todo isto, dende Esquerda Unida traballaremos con estas propostas en materia de emprego para atallar a situación grave de desemprego e precariedade que sofre o noso país.


Esquerda Unida /  Eva Solla /