A verdade non ten carné: nin linchar nin blindar o ministro
O que sabemos
Sabemos que o ministro Óscar Puente non conducía o tren nin foi quen deu a orde de retomar a marcha á velocidade normal cando os protocolos de seguranza marcaban outra cousa.
Calquera persoa con dous dedos de fronte entende que este accidente en concreto non ten que ver cun fallo nos sistemas de seguranza, porque estes cumpriron a súa función e os trens detivéronse. Tampouco foi un accidente provocado polo mal estado das infraestruturas. Non fai falta ser experto para entendelo: só se precisa ignorancia voluntaria e mala fe para non querer velo.
O público, garantía de seguranza e calidade
Dito isto, non agocho a miña posición. Privatizar os servizos básicos e esenciais é un paso atrás e un perigo para todas e todos, xa sexa no transporte, na sanidade ou en calquera outro servizo fundamental. Cando se privatiza, o beneficio económico comeza a pasar por diante do servizo á cidadanía, da calidade e da seguranza.
Defendo o público como garante de seguranza e calidade. E acuso os distintos gobernos de teren privatizado empresas que deberían ser públicas.
Responsabilidades compartidas
O PSOE é responsable destas privatizacións, como tamén o é o Partido Popular, así como VOX, que defende ir aínda máis lonxe: facer das nosas vidas o seu negocio, desmantelando o Estado e deixándonos sen servizos públicos.
Non son do PSOE e nunca o votei, entre outras razóns porque o considero responsable dunha reconversión que destruíu a comarca de Ferrolterra e afectou a capacidade industrial de Galiza. Considéroo responsable, ao igual que o Partido Popular, dunhas privatizacións que foron negativas para o pobo e para a clase traballadora.
Desde onde falo
Non son de SUMAR, nin do novo invento da Fronte Ampla, nin de Podemos, e non pertenzo a ningún partido político. Son de esquerdas e teño conciencia e orgullo de ser clase traballadora. Odio a mentira, a hipocrisía e a manipulación. Considero que a ultradereita é o maior perigo para os traballadores, os pensionistas e o futuro dos nosos fillos e fillas. Pero o que me move é dicir a verdade.
A hipocrisía do PP e de VOX
As críticas do PP e de VOX son hipócritas e puramente políticas. Non buscan o interese xeral, senón o aproveitamento político e persoal. Non hai a menor preocupación por unha cidadanía que só lles interesa cando vota, do mesmo xeito que só lles interesa a vida dun feto ata que nace e se converte nun neno.
Por iso, aínda que acuse os gobernos de privatizar, non vou participar no linchamento mediático dun ministro que non estaba no Ventorro tomando copas cunha señora.
Os voitres da traxedia
Que clase de lixo humano tenta aproveitar unha traxedia para facer política? Non pasaran nin 24 horas e os nacidos en esterqueiras morais xa estaban a amosar a súa inmundicia ética e moral.
Non podemos permitir que nos goberne a carroña, nin os voitres nin as sanguessugas.
Os bulos, un cancro social
Os bulos e as mentiras son un cancro para a sociedade e deberían ser un delito, sobre todo en situacións tan terribles como esta. Pero o máis grave é que partidos políticos e representantes deses partidos participen na difusión de bulos, mentiras, difamacións e insultos.
Defender o público esixe verdade, respecto ás vítimas e responsabilidade. O demais é carroñaría.
Até a vitoria sempre!
