Redacción •  Galicia •  13/11/2018

Esquerda Unida esixe a equiparación no prezo do billete Avant Ourense-A Coruña a media distancia

Dende Esquerda Unida consideramos que esta situación de contrastada desigualdade debe ser solventada, polo que reiteramos a necesidade, que xa temos presentado no Congreso como no Parlamento de Galicia a través de En Marea, e esiximos a equiparación da liña Ourense-Compostela coas outras liñas similares tanto en prezos como en frecuencias para garantir a igualdade entre a cidadanía e evitar a discriminación existente.

Esquerda Unida esixe a equiparación no prezo do billete Avant Ourense-A Coruña a media distancia

Compostela, 13 de novembro de 2018. Os medios de transporte públicos deben garantir a cohesión social e territorial; ou esta debera ser a premisa da administración pública á hora de establecer prioridades. Pola contra, tal e como sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “Galicia adoece desta cohesión que, lonxe de expandirse, estase a reducir cada vez máis, priorizando a comunicación só entre grandes núcleos”.

O servizo de transporte ferroviario coloca a Ourense nunha situación de discriminación con respecto a outras cidades, tanto na frecuencia como no custo. A implantación do tren Avant pasou a substituír o modelo de Media Distancia, co que se viu reducida a frecuencia de trens entre Ourense-Compostela-A Coruña. En horario de mañá, existe un baleiro dende as 7:55 até as 12:10 horas.

Segundo explica Eva Solla, “o problema é que xunto con esta redución horaria se está aplicar tamén no custe do billete o servizo de tren rápido, o que supón un prezo moito máis elevado que en traxectos similares, tales como son Compostela-A Coruña, que sendo o mesmo tren Avant se aplica unha tarifa de Media Distancia”.

Respecto ás deficiencias de Ourense en materia ferroviaria, a tamén deputada de En Marea lembra que “o PSOE, cando era oposición, tiña moi clara estas demandas, polo que esperamos que tamén agora insten ao Goberno de Pedro Sánchez a pular pola redución da tarifa no traxecto Ourense-Santiago-A Coruña, tendo en conta que o custo é superior ao doutras liñas, así como a necesidade de incrementar a frecuencia dos trens Ourense-Santiago en horario de mañá para evitar a evidente situación de discriminación que estamos a vivir”, indica.

Dende Esquerda Unida consideramos que esta situación de contrastada desigualdade debe ser solventada, polo que reiteramos a necesidade, que xa temos presentado no Congreso como no Parlamento de Galicia a través de En Marea, e esiximos a equiparación da liña Ourense-Compostela coas outras liñas similares tanto en prezos como en frecuencias para garantir a igualdade entre a cidadanía e evitar a discriminación existente.

 


Esquerda Unida /