Public Domain •  Redacción •  Galicia •  11/08/2018

En Marea denuncia que os datos sobre vivenda protexida sitúen a Galicia no vagón de cola na defensa do dereito a unha vivenda digna

Segundo datos do INE Galicia rexistra no primeiro semestre de 2018 os peores datos entre as CCAA, só por diante de Baleares e Canarias. 

En Marea denuncia que os datos sobre vivenda protexida sitúen a Galicia no vagón de cola na defensa do dereito a unha vivenda digna
Os datos achegados polo INE sobre transmisións de dereitos de propiedade, nos que se recollen os datos acumulados do primeiro semestre de 2018, que reflicten a porcentaxe de transmisións correspondentes á vivenda protexida “deixan en evidencia os efectos altamente negativos da política da Administración Feijóo sobre a vivenda e singularmente sobre a vivenda de protección” como denunciou o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez. Así, Galicia é a comunidade do Estado, agás as comunidades autónomas insulares, que presenta unha menor porcentaxe de vivenda protexida».
 
“A política liberalizadora do mercado do solo e da vivenda, a rebaixa na porcentaxe de edificabilidade destinada a Vivenda Protexida, plasmada na lei 8/2012 de vivenda de Galicia, o abandono do IGVS das políticas de construción de vivenda protexida e a baixísima execución, ano tras ano, dos orzamentos destinados a vivenda tradúcense nun mercado no que pouco mais do 4 por cento do total de vivendas son protexidas, menos da metade que na media estatal” explicou Sánchez.
 
Para o viceportavoz de En Marea no Parlamento “non é algo accidental, casual ou puntual”. “A evolución estatística demostra evidencia a decisión da Xunta e do Partido Popular de acabar coa vivenda protexida. Os datos relativos ao número de vivendas iniciadas e a súa porcentaxe sobre o total, no período de goberno de Feijoo son dabondo elocuentes” afirmou.
 
En 2015 e 2016 iniciáronse en Galicia 5 e 4 vivendas respectivamente, que representaron o 0,30 por cento e 0,19  por cento do total das iniciadas, entre 35 e 50 veces menos que na media do Estado, onde se iniciou neses mesmos anos un 10,49 por cento e un 10,48 por cento de vivenda protexida sobre o total.
 
Para o viceportavoz de En Marea, “son unhas cifras escandalosas que se suman a unha paupérrima construción de vivenda de promoción pública por parte da Xunta de Galicia”, unha política de abandono que segundo Antón Sánchez,  “se fixo efectiva durante os peores anos da crise, onde houbo miles de desafiuzamentos e a xente expulsada dos seus fogares que non tivo o apoio da Xunta e dun solvente parque público de vivenda”.
 
Hai que lembrar que, en 2017, volveron a se incrementar os desafiuzamentos en Galiza e segue habendo grandes dificultade de acceso a unha vivenda para amplas capas da poboación. Unha situación de desprotección dun dereito básico, que en previsión de Antón Sánchez, “non fará máis que agravarse se a Administración Feijóo mantén as súas lamentables políticas públicas de vivenda ao servizo do lucro e ganancia dos promotores inmobiliarios”.
 
No próximo período de sesións, En Marea rexistrará un paquete de iniciativas parlamentarias para garantir o dereito á vivenda dos galegos e galegas no marco dunha auténtica “política social de vivenda que permita frear a especulación inmobiliaria engordada pola desleixo do goberno de Núñez Feijóo”. 

En Marea /