Redacción •  Galicia •  04/05/2018

Esquerda Unida amplía a denuncia á Fundación Francisco Franco pola exaltación da figura do ditador e apoloxía do fascismo

Esquerda Unida amplía na Fiscalía a denuncia interposta á Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF), en data 9 de outubro de 2017, e baseada en que dita Fundación, de xeito público, segue a realizar accións de exaltación do franquismo, fomentando, elaborando e distribuíndo material da ditadura coa finalidade de facer apoloxía da mesma; unhas accións que poden ser constitutivas de ilícito penal.

Esquerda Unida amplía a denuncia á Fundación Francisco Franco pola exaltación da figura do ditador e apoloxía do fascismo

Mediante este escrito, que corresponde a unha ampliación da denuncia xa presentada en outubro, Esquerda Unida solicita o esclarecemento dos feitos postos en coñecemento á Fiscalía, exercitando as accións penais que correspondan ante aquelas persoas que puideran ser responsables do ilícito penal denunciado.

“É preciso poñer en coñecemento da Fiscalía que a FNFF segue a realizar accións que ben poden ser caracterizadas como actos de exaltación do fascismo”, explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, quen xa sinalara en varias ocasións que no noso país “con estas accións, se segue a pasar por riba da xa exigua Lei de Memoria Histórica”.

En referencia á ampliación da denuncia, o secretario de Organización, Rubén Pérez, explica que “con este engadido, solicitamos que a Fiscalía investigue estes feitos e, para iso, presentamos unha serie de probas baseadas en novas e imaxes de redes sociais onde se aprecia actos de exaltación do fascismo, polo que estamos a falar de algo moi grave”, remata.

Dende Esquerda Unida consideramos que estas accións non deben ser toleradas nun país democrático, por iso presentamos esta denuncia na Fiscalía, co fin de seguir a denunciar todo o que acontece coa FNFF e o seu empeño en negar delitos de lesa humanidade, así como seguir a enaltecer a figura do ditador, accións que non deberían ter cabida neste país.


Esquerra Unida /  Fundación Francisco Franco /