BNG reclama medidas para impulsar a igualdade no deporte e evitar discriminacións ás mulleres e ao colectivo LGTB
- Iago Suárez defenderá no Pleno unha reforma da lei galega do Deporte que contempla o impulso de seleccións femininas ou medidas de conciliación.
- Crear un punto lila, equilibrar as retransmisións deportivas ou a igualdade nos premios financiados pola Xunta, entre as propostas que fai o Bloque.

O BNG defenderá no Pleno desta semana unha reforma da Lei do Deporte de Galiza para impulsar a igualdade efectiva entre homes e mulleres e combater a discriminación tanto ás mulleres como á comunidade LGTB. Entre outras cuestións, o Bloque propón medidas de promoción e conciliación, o impulso das seleccións galegas femininas, o equilibrio nas retransmisións deportivas dos medios públicos ou a igualdade, tanto económica como de recoñecemento social, dos premios a deportistas financiados pola Xunta.
“En Galiza contamos cunha Lei do Deporte desactualizada do ano 2012 que non dá resposta ás necesidades deportivas da Galiza de 2025”, asegura o deputado Iago Suárez, que defenderá no Pleno a proposta nacionalista para “introducir o principio de igualdade e equidade en todas as regulamentacións das federacións deportivas, garantir os orzamentos precisos para combater a fenda de xénero, ou garantir que as persoas LGBT non se vexan discriminadas por practicar o deporte que elixan”, resume.
O actual texto legal, afonda o portavoz de Deporte do Bloque, “fai cero mencións ao deporte feminino”, o que supón “un verdadeiro agravio que ten que ser corrixido á maior brevidade” para, por exemplo, combater a subrepresentación das mulleres na práctica deportiva, sobre todo en determinadas modalidades. Segundo os datos oficias, actualmente hai en Galiza arredor de 300.000 persoas federadas, das que só 76.000 (o 25 %) son mulleres.
A diferenza por xénero nalgunhas prácticas deportivas é especialmente notable. É o caso do fútbol, onde só o 8 % das licencias son de mulleres, o boxeo (23 %) ou o tenis (35 %). Ao contrario, están claramente feminizados deportes como a ximnasia (91%), voleibol (69%) ou patinaxe (69 %).
O BNG propón a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte, cun mínimo de 50 % de mulleres, como órgano colexiado, de carácter asesor e participativo, cuxo obxectivo acadar que o acceso, a participación, a representación, a visualización e a práctica deportiva se faga en condicións de igualdade, evitando as discriminacións por razón de xénero, sexo, orientación ou identidade sexual.
Entre as medidas preventivas contra actos machistas e/ou LGBTfóbicos no ámbito deportivo, a reforma rexistrada polo Bloque inclúe a creación un Punto Lila como espazo accesíbel e seguro que garanta o anonimato para facilitar a denuncia de conductas violentas —de carácter físico ou psicolóxico—, ou que atenten contra a igualdade entre mulleres e homes ou contra a orientación ou diversidade/identidade sexual. Proponse, ademais, lexislar para impedir o acceso aos recintos deportivos de persoas sancionadas por comportamentos deste tipo.
Ademais de campañas periódicas de concienciación, o BNG reclama unha lei que garanta a igualdade nos premios financiados, total ou parcialmente, con fondos públicos, tanto no que ten que ver coa contía económica dos mesmos como na súa proxección mediática. Neste sentido, a reforma inclúe tamén un punto para que a Xunta garanta o equilibrio na retransmisión deportiva da CRTVG entre competicións masculinas e femininas. A Administración galega debe así mesmo garantir a igualdade de remuneración entre homes e mulleres deportistas cando o traballo efectuado fose o mesmo.
Entre as medidas de promoción e conciliación figuran plans de conciliación familiar para todas as persoas deportistas e accións para garantir os dereitos laborais de todas aquelas mulleres que decidan exercer a maternidade.
Condicionar as axudas públicas que reciben os clubs e federacións deportivas ao cumprimento dos preceptos de igualdade contemplados na lei e destinar as correspondentes partidas orzamentarias para promover o deporte feminino son tamén propostas recollidas na reforma que defenderá Iago Suárez, para quen é necesario cambiar “unha lei de hai máis de dez anos, impulsada polo PP, que pasa de puntillas ou directamente nin menciona cuestións tremendamente importantes para o deporte galego en pleno século XXI, como son o deporte feminino ou a cuestión LGBT”.