Pontón destaca a sintonía do BNG co PT de Lula da Silva a favor da paz, do dereito internacional e da xustiza social
Aproveita o Congreso do Partido dos Trabalhadores para ratificar a posición do Bloque na defensa do multilateralismo para a resolución de conflitos.
“Compartimos unha visión do mundo máis xusta, humana e democrática e fortalecemos lazos para seguir situados do lado correcto da historia”, alega.

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou a “sintonía” que hai entre o BNG e o PT de Brasil na defensa da paz, o dereito internacional e a xustiza social na celebración do 8º Congreso do Partido dos Traballadores de Lula da Silva, no que participou acompañada pola eurodeputada e responsable da Área de Internacional, Ana Miranda.
“Comprobamos a sintonía entre o que defende o BNG en Galiza e o que está defendendo o PT no Brasil e a nosa presenza neste congreso reforza o traballo entre as dúas organizacións políticas para avanzar na construción dun mundo en paz, con máis xustiza social e onde se respecten os dereitos humanos”, afondou.

A portavoz nacional aproveitou o 8º Congreso do Partido dos Traballadores para trasladar a posición “clara e rotunda” do Bloque na defensa da paz e do dereito internacional, apostando polo multilateralismo para a resolución pacífica de conflitos.
Neste sentido, remarcou a importancia de “tecer alianzas a nivel internacional” que permitan construír un mundo “desde a igualdade”, no que se respecte a soberanía dos pobos e onde “os conflitos se solucionen pola vía do diálogo e da diplomacia”.
Tecer relacións co partido que dirixe Lula da Silva, alegou, “é unha forma de contribuír a un mundo con máis paz e xustiza social onde realmente se defenda a democracia”, mais tamén “un mundo que sexa capaz de enfrontar os grandes desafíos” que ten por diante e entre os que citou o cambio climático.
“Polo tanto, para nós este congreso é tamén unha forma de fortalecer os lazos que nos unen co PT, co que compartimos unha visión do mundo moito máis xusta, moito máis humana e moito máis democrática”, remarcou.
Pontón sinalou neste punto como, a pesar de estar separadas por un océano, ámbalas dúas formacións políticas teñen moitos debates en común á hora de buscar solucións e alternativas para, por exemplo, reforzar a xustiza social e os dereitos das mulleres, defender a democracia e os seus valores ou enfrontar “ese trumpismo que crea conflitos cada vez máis importantes ao longo e ancho do planeta”, que ademais afectan ao día a día das persoas.
“Fortalecemos uns lazos que nos fan máis fortes para seguir situados do lado correcto da historia, do lado que di ‘Non ás guerras’ e ‘Si á paz’, á soberanía dos pobos, á igualdade, á liberdade e á democracia”, indicou na última xornada dun congreso do Partido dos Traballadores en cuxo marco mantivo diversos encontros bilaterais con responsables do PT e do executivo brasileiro.
Así, a líder do BNG trasladou ao goberno de Lula da Silva as vantaxes de reforzar a colaboración económica e cultural entre Galiza e Brasil en beneficio de ambos países. Así o fixo nunha reunión coa ministra da Mulher, Márcia Lopes, ante a que destacou a capacidade das empresas e os sectores produtivos galegos para mellorar as relacións comerciais co país americano e o potencial de Galiza para acoller investimentos brasileiros de vangarda e respectuosos co medio ambiente.
Neste sentido, o Bloque considera importante aproveitar a oportunidade que representa un mercado de 213 millóns de habitantes, máis tendo en conta que a balanza comercial de Galiza con Brasil en 2025 sumou 320 millóns de euros, dos que as importacións ascenden a 250 millóns e as exportacións galegas apenas acadan os 70 M€.
Por iso, defende a posta en marcha dunha estratexia institucional e comercial que permita abrir mercados ás empresas galegas e avanzar na internacionalización dos sectores produtivos. Sectores moitos deles cun gran potencial comercial en Brasil, como os da pesca, a acuicultura ou a construción naval, con áreas de negocio como a tecnoloxía pesqueira, a sustentabilidade mariña ou a loxística portuaria.
A portavoz nacional tamén puxo o foco nesta viaxe nas oportunidades que ofrece a ámbolos dous países ter unha lingua común, o que favorece tanto as relacións económicas como as culturais, incluídos ámbitos como o da universidade ou o da investigación. Neste punto, apostou por fomentar un maior intercambio universitario e impulsar a colaboración investigadora, particularmente en áreas como as ciencias do mar, a biotecnoloxía, a lingua ou a cultura.
Na súa rolda de contactos, Pontón tamén afondou nos lazos que unen a BNG e PT nunha reunión co responsable da Secretaría Xeral de Relacións Internacionais e vicepresidente segundo do Senado, Humberto Costa, e, por último, mantivo tamén encontros bilaterais con representantes doutras forzas políticas, como o Partido Histórico de Colombia do presidente Gustavo Petro e do candidato á Presidencia, Iván Cepeda.
