Einsa Print pretende despedir a máis de 90 persoas e cesar a actividade produtiva na planta das Pontes
A CIG considera este novo ERE unha fraude e demanda accións inmediatas da Xunta e do Concello para impedir un “pelotazo empresarial”.

No inicio do período de consultas confirmouse que a pretensión de Einsa Print é despedir a práctica totalidade do cadro de persoal e cesar a actividade de artes gráficas na planta das Pontes. Dos 102 postos de traballado afectados polo expediente (As Pontes e Madrid), máis de 90 pertencen ás instalacións galegas.
A empresa alega causas produtivas e económicas, e escúdase nunhas perdas acumuladas durante os últimos anos de 20 millóns de euros. Porén, estes malos datos económicos contrastan co feito de que Einsa Print acaba de vender a participación do 13% que aínda lle quedaba en GT Motive por 16 millóns de euros e que ofrece a mesma indemnización que no anterior ERE: 30 días por ano traballado cun tope de 20 mensualidades. Iso si, a compañía pide aprazar o pago das contías até marzo de 2026 por suposta falta de liquidez.
Cómpre lembrar que hai un tempo, Einsa Print xa se desfixera do 80% da participación en GT Motive por 30 millóns de euros; que en 2023 repartiu máis dun millón de euros entre os membros do Consello de Administración; e que durante os últimos anos foi deixando caer a clientela de maneira intencionada e sen buscar solucións. “Entendemos que o obxectivo real da empresa é cambiar de actividade e especular coas naves e os terreos”, advirte a CIG-Industria de Ferrol.
Ademais, este ERE preséntase tan só 15 meses despois do despedimento de máis de 120 persoas, rachando así o compromiso de non executar novos despedimentos nin medidas traumáticas, cando menos até decembro de 2026. “As causas sobrevidas ás que se aferra Einsa para formular o ERE foron provocadas pola propia empresa. Por iso consideramos que este ERE é unha fraude e debe ser declarado nulo”.
116.000m2 de chan industrial
Einsa Print, a primeira empresa instalada no polígono de Penapurreira ao abeiro das axudas e programas tras o peche da mina, ocupa unha superficie de 116.000 metros cadrados que foi adquirindo a un prezo moi vantaxoso e dispón dunhas naves en propiedade de 50.000 metros cadrados. O conxunto do solo e das naves supón un activo moi importante, sobre todo nun municipio sen oferta de chan industrial.
Por iso, a CIG demanda unha acción política contundente e inmediata para impedir as pretensións dun pelotazo empresarial nunha localidade convertida na zona cero da crise industrial do país e no que, máis alá da propaganda e dos anuncios baleiros, non existe ningún proxecto industrial concreto a desenvolver no curto prazo. “As Pontes é o exemplo de como a transición enerxética non está sendo xusta nin social nin economicamente. Aquí só hai demolición, pero non o futuro de emprego e industria que nos prometeron”, alerta a CIG-Industria.
Solicitude de reunión coa Xunta e o Concello
O persoal, ao que a empresa ten na casa cun permiso retribuído, reuniuse en asemblea este xoves nas instalacións para informarse do acontecido no día de onte e avaliar as accións a desenvolver. Os traballadores e traballadoras aproveitaron tamén para amosar o seu rexeitamento ao ERE cunha concentración ás portas das naves.
Coa vista posta na próxima xuntanza do período de consultas o martes 24 de xuño, o comité solicitou unha reunión de urxencia coas consellerías de Emprego e de Industria, e mais co Concello das Pontes, para reclamar unha fronte unánime na defensa dos postos de traballo e da continuidade produtiva.