CNT organiza en Vigo a I Conferencia de Mujeres Libres a partir do próximo 24 de maio
- A actividade estará centrada na organización obreira, o antifranquismo ou as mulleres palestinas baixo o xenocidio israelí, entre outros temas.

A central anarcosindicalista CNT organizou a I Conferencia de Mujeres Libres que terá lugar a partir do próximo 24 de maio, co obxectivo de dar visibilidade ás diversas loitas e problemáticas específicas, nun amplo espectro de ámbitos e espazos.
«Queremos tentar facer un traballo de difusión das loitas e de materiais informativos de diversa índole que poidan servir para xerar a cultura militante e a sensibilidade social necesaria para favorecer o apoio e xerminar estas e outras loitas que esperamos saian á luz e sexan lideradas e organizadas polas nosas compañeiras», sinalaron desde o sindicato.
Nesta primeira edición das Xornadas de Mujeres Libres tocaremos diversos temas, entre eles a organización obreira, o antifranquismo, os problemas específicos das prisións que afectan á poboación feminina, a situación actual de xenocidio e os problemas das mulleres en Palestina, e a organización revolucionaria liderada e organizada por mulleres en Rojava.
As xornadas arrincarán o sábado 24 de maio ás seis e media da tarde na Contedora, cun relatorio a cargo de Naomi Baran Galiza sobre Rojava e ‘A Revolución das Mulleres’. Seguidamente, o 25 de maio, terá lugar a presentación do libro ‘Pecadoras: Xenealoxía da cultura do castigo e prisións de mulleres’, de Sol Abellón, no Café UF.
O mércores 28 de maio, ás 6 e media da tarde, as xornadas regresan á Contedora para abordar a situación de ‘A Muller en Palestina’, con Suha Najjar.
A fin de semana de peche comezará o venres 6 de xuño con ‘A Muller na Guerrilla Antifranquista Galega’, con Aurora Marco, a partir das 7 da tarde na Contedora. Por último, continuando coa herdanza da loita das mulleres organizadas, o sábado 7 de xuño, ás seis e media da tarde, Sylvia Grossi falará sobre a Folga de Lle Mondine de 1906. Desde CNT animaron a todos os actos.