Ecoloxistas denuncian a contaminación da ría de Vigo pola inexplicable carencia de enerxía auxiliar na EDAR
- Afirman que o corte de subministración eléctrica do pasado luns deixou en evidencia a imprevisión no sistema de depuración de augas residuais da cidade.
- Durante cando menos 10 horas vertéronse as augas de refugallo directamente a ría de Vigo e o concello tivo prolongar varios días a prohibición do baño nas praias.

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace denuncian que tanto os sistemas de depuración como as estacións de bombeo de Vigo carecen dun soporte enerxético de emerxencia para garantir a subministración de enerxía en caso de apagamento. Esta falta de xeradores implica que durante polo menos dez horas as augas residuais urbanas foron vertidas a ría de Vigo sen ningún tipo de depuración, o que provocou un evento contaminante que podería terse evitado.
As organizacións ecoloxistas sinalan que esta ausencia de sistemas alternativos de soporte enerxético pode implicar unha vulneración da Orde TED/1191/2024, do 24 de outubro, pola que se regulan os sistemas electrónicos de control dos volumes de auga utilizados polos aproveitamentos de auga, os retornos e as verteduras ao dominio público hidráulico. Lembran que no seu artigo 12 a dita orde establece que todas as instalacións deben procurar contar con sistemas de alimentación eléctrica redundantes para asegurar o subministro de enerxía. Isto implica a instalación de fontes de enerxía alternativas, como xeradores, para asegurar o funcionamento continuo dos sistemas de control e evitar verteduras contaminantes non autorizadas.
“É incomprensible que a EDAR de Vigo, posta en funcionamento hai seis anos e eloxiada na súa inauguración como unha das maiores obras hidráulicas do Estado e unha das mellores depuradoras do continente, quede inservible por non ter xeradores auxiliares de enerxía. E máis se é algo que está previsto na normativa para contarmos cunha xestión moderna e o uso sostible e responsable dos recursos hídricos, seguindo as premisas da directiva marco da auga da Unión Europea”, declarou Antón Lois, voceiro de Amigas da Terra.
Os colectivos ecoloxistas salientan que un exemplo das consecuencias desta incomprensible falta de previsión é a grave vertedura da depuradora de Vigo ao longo do pasado luns. A EDAR viguesa verteu á ría preto de 28.800 metros cúbicos por hora de augas sen depurar. Un total de 403.200.000 litros nas 14 horas que durou o apagamento. Segundo os últimos datos sobre o ciclo de renovación de augas na ría, esta contaminación, á que se sumaron as achegas de augas contaminadas do resto de concellos que verten á ría e ao cauce do río Verdugo, permanecerá durante dúas semanas circulando pola ría, diluíndose aos poucos. Por mor disto, aínda era onte xoves, varios días despois do vertido, cando o alcalde de Vigo, Abel Caballero, abría as praias ao baño, exceptuando a praia da Foz, na que desemboca o Lagares.
As organizacións ecoloxistas teñen claro que é pouco probable que se repita un corte de subministración total, como o acontecido o pasado luns. Pero sen chegar a ese extremo, sinalan que non resultan infrecuentes cortes de electricidade locais que, aínda que se restableza a subministración enerxética con rapidez, implican que, por exemplo, a depuradora dunha cidade media de Galicia poida verter uns 15.000.000 de litros de augas contaminadas nun apagamento de só media hora.
Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace esixen á Consellería de Medio Ambiente, da que depende Augas de Galicia, e aos concellos, a incorporación inmediata de sistemas de achega enerxética de emerxencia para evitar que novos episodios de corte de subministración impliquen a contaminación dos nosos medios acuáticos fluviais e litorais. De igual xeito piden ás citadas administracións unha explicación do motivo polo que ata o de agora as depuradoras non contan con estes sistemas de emerxencia.