O exemplo de Corme como paradigma do espolio eólico en Galiza
Cando falamos de espolio eólico referímonos a un modo de implantación e desenvolvemento eólico ao servizo dunha elite empresarial que no sector eléctrico vive dos favores das administracións, que con ausencia de planificación racional e da procura do interese xeral provoca e externaliza impactos ambientais, paisaxísticos, patrimoniais…e privatiza os beneficios acadados de explotar recursos naturais que son postos ao seu servizo polos gobernos.

Centrámonos nisto último: nos enormes beneficios postos a disposición dun oligopolio en detrimento da maioría.
E facémolo poñendo un exemplo, o parque eólico de Corme, por atoparse de actualidade ao terse anulada, por sentenza do TSXG, a autorización para a súa repotenciación, e pola denuncia da Plataforma en Defensa do monte As Salgueiras do papel do goberno local e o convenio que suscribiu o Concello coa empresa.
Como ben denuncia a entidade o alcalde de Ponteceso presumía hai pouco dun convenio asinado co Concello pola empresa EDP Renovables, propietaria actual do parque por un montante de 240.000 euros para 4 anos. É dicir, 4 anualidades de 60.000 euros.
O goberno local alabou o beneficio que isto supoñía para o concello e adicou este orzamento a asfaltar camiños, facéndolle á empresa un traballo encomiable de lavado de imaxe, mentras parte da súa veciñanza era privada dos seus dereitos á participación pública no proxecto de repotenciación, como ven a recoñecer a sentencia.
Vexamos qué significan estes 240.000 euros en relación ao negocio da empresa, e concluiremos si son un gran negocio como dí o alcalde ou unha tomadura de pelo en forma de migallas como denunciou a asociación.
Tamén poderemos extrapolar este exemplo á escala galega, e o que significa a entrega deste sector ao oligopolio privado, e o que podería supoñer para a economía do país un modelo con todas as garantías de protección do territorio, en mans da xente, as súas institucións públicas, e a prol do ben común.
Vexamos:
O parque eólico de Corme consta, despois da repotenciación cun investimento de 18 millóns de eurors, de 7 aeroxeneradores que suman unha potencia de 18,30 MW.
Segundo os datos do proxecto e que constan no Observatorio Eólico de Galicia, é un dos parques máis productivos do país, con 4212 horas de vento anuais o que supón unha producción estimada de 77.300 Mwh/ano.
Qué facturación pode supoñer ésto?
A realidade concreta só pode dala a coñecer a propia empresa, pero o que sí podemos facer é estimacións que nos servirán para calibrar a magnitude do negocio.
a) Se consideramos que o prezo medio no mercado eléctrico no 2021 foi de 111,9 euros/Mwh e multiplicamos pola producción estimada de 77.300 MWH/ano o resultado é unha facturación estimada de 8.650.000 euros. A facturación deste ano sería casi exactamente metade do investimento total dunha instalación que ten unha vida útil de 30 anos!!!
b) Se facemos unha estimación máis conservadora pensando que non todos os anos van a ter os prezos tan elevados como no 2021 (xa se verá) collendo a media do prezo do Mwh dos últimos 12 anos, que é 60,02euros/Mwh, a facturación ascendería a 4.639.546 euros
No primeiro caso o montante anual do convenio tan publicitado pola empresa e o alcalde non chegaría a representar nin o 1%, concretamente o 0,69% da facturación.
No caso coas estimacións máis conservadoras a porcentaxe sería maior, o 1,2% da facturación.
Tanto nun caso coma noutro, fagamos unha estimación máis conservadora ou non, o resultado é unha desproporción enorme entre o que a empresa aporta no convenio e o negocio que fai a partir duns recursos naturais e dunhas normas que deberían de estar ao servizo da maioría da xente. Aínda é máis sangrante saber que coa repotenciación efectuada, e si non se remedia definitivamente por vía xudicial a conseguinte reducción de aeroxeneradores de 61 a 7, supón que, mantendo a mesma potencia grazas a aeroxeneradores moito máis altos, EDP aforrase máis de 300.000 euros de canon eólico anual!!
Negocio redondo…para a empresa, e o alcalde facéndolle de publicista como a Xunta de Galicia fai a nivel galego, vendendo a suposta creación de riqueza e emprego.
Porque estaría ben que alguén, a empresa mesmamente dixese o número de empregos que crea o mantemento de 7 aeroxeneradores, sabendo ademáis como a propia industria de compoñentes está pechando en Galiza.
Por iso, ademáis de rexeitar este modelo imposto pola Xunta en Galicia nocivo a nivel ambiental, paisaxístico, patrimonial e agresivo cos habitantes do rural, cuestións innegociables, tamén denunciamos que supón un roubo e unha hipoteca económica para décadas entregando o sector eléctrico novamente a un oligoplio.
E preguntámonos cál é o interese de non apostar por outro modelo planificado, democrático e democratizado, e coidadoso cos valores que tamén é necesario preservar nun contexto de crise ambiental, pero que ademáis sexa económicamente xusto e sirva para reducir a desigualdade e non para incrementar os privilexios.