André Abeledo Fernández •  Opinión •  05/04/2022

Pintos somos todos, deso se trata, a sentenza é contra todos

Desde que se soubo o procesamento de Xesús Anxo López Pintos, exsindicalista da CIG, da que chegou a ser o seu Secretario Comarcal, polos feitos que sucederon no marco dunha protesta convocada polos comités de Navantia e Poligal, con motivo dun acto electoral do PP en Ferrol, no inicio da campaña das eleccións autonómicas de 2012,  sempre me manifestei publicamente en solidariedade con Pintos.
E como concelleiro en Narón promovin a presentación de mocións nos concellos da Comarca.
Também són sindicalista, e membro do Comité de Empresa de Mercadona, empresa na que se deu unha importante loita contra a represión patronal, polo despido dun traballador por participar na Folga Comarcal do 12 de Xullo de 2013. Ante este despedimento, desatou-se un importante movemento de solidariedade, no que Pintos xogou un importante papel,
O caso de Pintos é un exemplo do retroceso lento pero inexorábel no exercicio dos dereitos civís que se está a vivir no Estado español  e dos métodos represivos e antidemocráticos aos que a dereita neoliberal recorre para acalar aquelas voces críticas coas súas políticas de recortes.  Fronte a isto ratificome na defensa «intransixente» do sistema de garantías e liberdades, conquista histórica do movemento obreiro. Sen un estado garantista non hai democracia.
Manifesto o meu total apoio ao compañeiro Pintos: Non é de recibo que o noso compañeiro poida entrar na cadea por participar nunha protesta unitaria onde estabamos todas e todos aqueles que defendíamos o futuro da comarca de Ferrolterra. Naquela protesta estaban representados sindicatos, comités de empresa, partidos políticos, etc. A consigna debería ser ou todos ou ningún.
Pintos non pode ser a ‘cabeza de turco que meta o medo no corpo as traballadoras e traballadores que queiran facer uso a lexítima protesta na rúa.
O xuízo contra Pintos foi un xuízo contra a clase traballadora máis consciente, e supón a aplicación máis desapiadada da inxusta ‘lei mordaza’. Dende a esquerda a idea de que as traballadoras e traballadores poidan pagar con cadea a súa participación en protestas é inadmisible.
Unha sentenza para asustarnos a todos, a clase traballadora. O Supremo demostra con esta condena pola carga policial na que resultou ferido o noso camarada que é unha ferramenta política de represión, que non de xustiza.
A sentenza contra Pintos é un intento de maternos a todos o medo no corpo, para conseguir o noso silencio e que o medo nos paralice.

Opinión /