Redacción •  Galicia •  29/05/2026

BNG exixe ao Goberno do Estado cumprir coa Lei de Dependencia e asumir xa 50% do financiamento na Galiza

  • Néstor Rego reclama priorizar o gasto social frente ao incremento do investimento militar: “o Goberno debe cumprir os compromisos adquiridos co BNG”.
  • “Por que non destinar eses máis de 10.471 millóns de euros aprobados en Consello de Ministros para gasto militar a garantir unha atención digna ás persoas dependentes?” pregunta Néstor.
BNG exixe ao Goberno do Estado cumprir coa Lei de Dependencia e asumir xa 50% do financiamento na Galiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado cumprir dunha vez coa obriga legal de financiar 50% do sistema de atención á dependencia na Galiza, unha porcentaxe que continúa lonxe de acadarse a pesar dos compromisos asumidos.

Néstor Rego denuncia que o executivo “segue sen cumprir nin coa lexislación nin co acordado co BNG no marco do Acordo de Investidura”, ao manter unha achega claramente insuficiente para garantir unha atención digna ás persoas dependentes.

Neste sentido, o BNG lembra que o Informe do Observatorio Estatal para a Dependencia correspondente ao primeiro trimestre de 2026 alerta do aumento das listas de agarda no conxunto do Estado e denuncia un sistema “low cost”, condicionado polos excesivos procedementos burocráticos, as baixas contías das prestacións, a escasa intensidade dos servizos e un financiamento claramente deficiente.

Ademais, o Goberno recoñecía recentemente en resposta ao BNG que a achega da Administración Xeral do Estado á Galiza para financiar a dependencia aumentou até situarse “preto de 41%”, unha cifra que continúa afastada do mínimo de 50% comprometido legalmente. Porén, segundo os datos da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, no ano 2025 o gasto total en dependencia na Galiza ascendeu a 733,7 millóns de euros, dos cales o Estado apenas achegou 241 millóns, é dicir, arredor de 33%.

Para o deputado nacionalista, esta situación evidencia que “non só non se está a cumprir coa obriga legal de cofinanciamento de 50%, senón que a participación real do Estado continúa sendo claramente insuficiente e mesmo inferior ao comprometido en anteriores exercicios”.

O BNG subliña tamén que a Galiza presenta características propias que incrementan substancialmente o custo da prestación destes servizos, como son a elevada dispersión poboacional e o maior índice de envellecemento do Estado, factores que deben ser tidos en conta no reparto dos recursos.

Neste contexto, Néstor Rego vén de interpelar directamente ao Goberno para reclamar un cambio de rumbo nas prioridades políticas e orzamentarias do executivo, rexeitando o incremento do gasto militar e defendendo a necesidade de reforzar os servizos públicos e as políticas sociais.

“Por que non destinan eses máis de 10.471 millóns de euros aprobados para aumentar o gasto militar no Consello de Ministros e Ministras a cumprir coa Lei de Dependencia e garantir que o Estado asuma 50% do financiamento?” requiriu Rego ao ministro de Facenda durante a interpelación.

A través destas novas iniciativas, o BNG demanda ao executivo estatal que detalle cal foi exactamente a achega económica destinada á Galiza para financiar a dependencia durante 2025 e no que vai de 2026, así como que concrete cando pensa cumprir coa obriga legal de asumir 50% do financiamento do sistema.


dependencia /