Redacción •  Galicia •  27/12/2022

Xinzo convértese no primeiro concello da Limia que acorda unha declaración de moratoria eólica 

  • O Concello de Xinzo comprométese ademais a axudar cos informes para contrarrestar os plans das corporacións nunha eventual disputa xudicial.

  • O pleno dos Blancos, este xoves, será o seguinte no que se debata a proposta de moratoria.

Xinzo convértese no primeiro concello da Limia que acorda unha declaración de moratoria eólica 

O último pleno de 2022 da corporación municipal de Xinzo de Limia, celebrado este martes, acordou unha declaración institucional para botar o freo na proliferación de macroeólicos na comarca da Limia. O texto proposto pola plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA e polo Club Parapente Baltar saíu aprobado cos votos a favor de todos os grupo de goberno que preside Elvira Lama: PSOE, AXIL, BNG e o concelleiro Manuel Pérez Campos, e coas abstencións do grupo popular e a concelleira non adscrita Montse Lama.

O texto é o seguinte: “A corporación municipal de Xinzo de Limia, atendendo á falta de evidencia científica sobre as ameazas reais para o medio ambiente e a saúde das persoas e tendo en conta o principio de precaución, acorda solicitar da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado a aplicación inmediata dunha moratoria sobre os proxectos de instalación de centrais eólicas en trámite e outros que puideran solicitar a súa tramitación no futuro e que afectan ao territorio da comarca da Limia mentres o Plan Sectorial Eólico de Galicia non se someta a unha avaliación ambiental estratéxica tal e como esixe a lei, ou se aprobe un novo Plan Sectorial Eólico”.

Na mesma moción tamén se instaba ao goberno municipal de Xinzo de Limia a encargar estudos técnicos sobre o proxecto da liña de evacuación eléctrica do parque eólico San Martiño LAT 132 kV SET PE San Martiño-SET Larouco (expediente IN408A 2021/043) e o proxecto parque eólico Tramontana (expediente IN408A 2021/030), que afectan a territorio deste concello, co fin de obter unha avaliación propia de ambos diante da posibilidade de que poidan ser autorizados antes de que o Plan Sectorial Eólico de Galicia se someta a avaliación ambiental estratéxica».

É dicir, o Concello de Xinzo de Limia comprométese a axudar aos colectivos veciñais e ambientalistas para cubrir os custes de eventuais estudos técnicos que permitan confrontar argumentos cos estudos que elaboran especialistas para xustificar os plans das grandes corporacións.

O próximo pleno no que se presentará e debaterá a moción será o de Os Blancos. A sesión, pública, terá lugar na Casa do Concello dos Blancos pasado mañá xoves ás sete da tarde. A proposta de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA e polo Club Parapente Baltar será defendida pola portavoz do PSOE nunha sesión que o alcalde tivo que convocar de urxencia dada a alarma social suscitada polo proxecto de Greenalia denominado Lamas II e que está en exposición pública até o día 4 de xaneiro.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA recolleu xa máis de 500 alegacións contra este proxecta que serán rexistradas esta semana na sede da Xunta de Galicia en Ourense.

Xinzo de Limia, 27 de decembro de 2022.


energía eólica /