Redacción •  Galicia •  27/09/2022

Gómez Reino: “Pedimos ao Goberno que actúe para que a Xunta cumpra a lexislación europea de protección dos nosos montes”

Galicia en Común rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno acerca dos constantes incumprimentos en materia ambiental da Xunta de Galicia para a protección dos espazos incluídos na Rede Natura 2000.

Gómez Reino: “Pedimos ao Goberno que actúe para que a Xunta cumpra a lexislación europea de protección dos nosos montes”

Un deles é a serra do Courel e no verán calcináronse máis de 11.000 hectáreas, un dos peores incendios da historia do noso país. “Esta é a consecuencia dunha inexistente política forestal que deixa de lado os criterios de sustentabilidade dos bosques galegos. O Goberno do PP en Galicia é o Goberno da destrución do rural a todos os niveis e de saltarse as normas que Europa dita para protexer o noso patrimonio natural”, denuncia o deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino. 

O comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, informou: “A Comisión considera que o Plan Director elaborado por Galicia para a xestión dos espazos Natura 2000 non cumpre os requisitos da Directiva Hábitats con respecto ás sesenta e cinco zonas especiais de conservación de Galicia”. Confirma tamén que a Xunta de Galicia non fixou obxectivos de conservación e disposición de medidas para estes espazos protexidos. 

Galicia en Común denuncia ademais que non é a primeira vez que Europa sinala á Xunta de Galicia, senón que desde o 2011 o Partido Popular ignora as peticións para a ampliación da Rede Natura. Como consecuencia a esta inacción Galicia é a comunidade con menor superficie protexida de toda España, un 11,97% do seu territorio fronte ao 27% do Estado. 

“O Goberno do PP devasta as paisaxes galegas plantando eucaliptos e sobrecargándoo de eólicos e saltándose as leis europeas. Coas consecuencias do cambio climático que vemos a día a día e que agravan a vida no noso planeta, vemos que hai máis interese en blindar os intereses de multinacionais para que exploten os nosos recursos que de protexer o patrimonio máis rico que temos”, continúa o deputado. 

“Pedimos ao Goberno que actúe para que a Xunta cumpra a lexislación. Se con Feijóo a política ambiental era nula, con Rueda é aínda peor, non podemos permitir que a nosa paisaxe sufra máis e que os que o destrúan sigan gañando e enchéndose os petos”, alega Gómez Reino.

Iniciativa


Galicia en Común /