Redacción •  Galicia •  26/02/2023

As mulleres da CIG sairán á rúa o 8M sob o lema “A crise non a imos pagar as traballadoras”

  • O Informe da “Situación Laboral das Mulleres en Galiza no ano 2022” confirma a pobreza laboral que padecen as mulleres.
As mulleres da CIG sairán á rúa o 8M sob o lema “A crise non a imos pagar as traballadoras”

A Secretaría das Mulleres da CIG ten convocada para o día 8 de Marzo mobilizacións de delegadas en 12 cidades e vilas galegas para este 8M. Unha xornada na que se denunciará a precariedade laboral que sofren as mulleres nun contexto de crise económica e alza de prezos que é xa insostíbel. Esta situación queda claramente reflectida no Informe que sobre a situación laboral das mulleres tamén se presentou esta mañá en rolda de prensa. Por iso co lema deste 8M a CIG lanza unha mensaxe clara e contundente aos gobernos: “A crise non a imos pagar as traballadoras”.

Neste sentido a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, explicou que “queremos denunciar que, co pretexto da crise, se está empobrecendo ás traballadoras a través dunha suba inxustificábel dos prezos de produtos e servizos básicos -alimentación, enerxía, hipotecas- inasumíbeis cuns salarios que non permiten manter unha vida digna”.

Discriminación salarial

A secretaria das Mulleres da CIG constatou -a partir dos datos do Informe sobre a “Situación laboral das mulleres en Galiza no ano 2022”, presentados pola responsábel do Gabinete Técnico de Economía, Natividade López Gromaz- que o traballo das mulleres “está minusvalorado” e que, de feito, “son os sectores máis feminizados os que contan con máis baixos salarios”.

De feito, López Gromaz afirmou que a rama de actividade coa maior fenda de xénero é a de “outros servizos persoais e de ocio”, cunha presenza de mulleres do 58,7% e unha fenda do 29% e que os ingresos medios nesta rama de actividade “apenas superan a metade do SMI”.

Por iso a secretaria das Mulleres denunciou que “a discriminación salarial persiste”, porque aínda que a fenda se reduciu moi levemente -do 19 ao 18,6%- entrementres “o 42.4% das traballadoras galegas obtiveron uns ingresos inferiores ao SMI (41,5 en 2019), no caso dos homes foron o 29,1% do total”.

Castro Monteiro salientou que nin sequera beneficia ás mulleres “o factor formación na mesma medida que aos nosos compañeiros, pois mesmo as mulleres máis novas, con maior formación que os seus compañeiros, cobran de media un 11% menos que estes”.

A este respecto López Gromaz subliñou que no ano 2022, “o 54,6% das mulleres traballadoras tiñan formación superior; polo contrario, no que se refire aos homes ocupados só o 40% teñen formación superior”.

A economista da CIG matizou ademais que a medida que avanzamos en idade “a fenda agrándase” por mor da peor retribución dos sectores feminizados, mais tamén a discriminación na modalidade de contratación. Neste sentido subliñou que os contratos de xornada parcial aumentaron máis que os de xornada completa. Así, no ano 2022 “o 77% das persoas traballadoras con contrato a xornada parcial son mulleres”, dixo, máis que nos anos anteriores, xa que en 2021 esta porcentaxe era do 76,6% e en 2019 do 75,2%.

Xunto a isto incidiu en que a taxa de temporalidade feminina é 5,5 puntos superior á masculina en 2022. Unha temporalidade que afecta especialmente ás traballadoras do SERGAS, o que levou á secretaria das Mulleres a concluír que “a Xunta é a maior empresa de traballo temporal do país”.

Impacto da reforma laboral

Tanto a secretaria das Mulleres como a economista da CIG coincidiron en atribuír aos efectos da reforma laboral o incremento da xornada parcial mais tamén, e sobre todo, o aumento desorbitado da contratación fixa-descontinua. Unha modalidade contractual que aumentou nun 787% en total, pero entre as mulleres nun 889%.

Sobre esta cuestión Castro Monteiro especificou que antes, esta contratación estaba limitada a situacións moi concretas, mais que agora estase a ampliar a todos os sectores coa agravante de que “tamén a están a aplicar as empresas de traballo temporal (ETT)” enmascarando “a contratación máis desregularizada posíbel, de forma que as traballadoras nunca saben cando van ser chamadas nin por canto tempo, o que fai imposíbel calquera planificación ou organización da conciliación ou da vida en xeral”.

A secretaria das Mulleres denunciou ademais as políticas de deterioración e privatización de servizos públicos que o Goberno do PP na Xunta practica. Recortes que, dixo “afectan dobremente ás mulleres, como traballadoras destes sectores e como coidadoras no ámbito da familia”. Por iso reclamou a valorización social dos traballos de coidados, “indispensábel para o avance dos dereitos das mulleres e para que teñan o recoñecemento debido deben contar cunhas condicións laborais e salariais dignas”.

A fenda de xénero nas pensións chega ao 34%

Canda iso lembrou que, tal e como se apunta no informe -segundo o que os coidados son a segunda causa de xornadas a tempo parcial no caso das mulleres, ou de abandono do mercado laboral-, no momento da xubilación as mulleres “temos menores carreiras de cotización -aos 65 anos, a diferenza chega a 10 anos e 1 mes- e menores bases de cotización”.

Xunto a isto sinalou que “as diferenzas medias nas bases de cotización foron de 278 euros no ano 2020 e as maiores diferenzas sitúanse entre os 35 e 44 anos (395 euros mensuais)”. Por iso, segundo se recolle no informe, a día de hoxe a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero o 34,%.

Isto leva a concluír a secretaria das Mulleres que “se xa tiñamos claro que a fenda nas pensións vai seguir medrando ao non se corrixiren as desigualdades no mundo do traballo, coa nova reforma das pensións agrandarase aínda máis ao aumentar de 25 a 30 anos o tempo de cálculo”.

Castro Monteiro denunciou, por iso, a estratexia deseñada que “nada ten a ver cos fondos da caixa das pensións, senón que vai destinada a diminuír as contías para derivar a capacidade de aforro á contratación de plans privados” e chamou a “defender unhas pensións públicas dignas pois, de se aprobar esta reforma, a maior parte das traballadoras estarán condenadas a sobrevivir con pensións miserentas xa que os salarios da maioría non chegarán para poder pagar un plan de pensións”.

Tendo en conta que os traballos feminizados son os máis precarios, non quixo esquecer que foron precisamente as traballadoras destes sectores as que protagonizaron as máis salientábeis mobilizacións deste último período. “Grazas ao seguimento acadado nas mobilizacións e folgas conseguíronse importantes logros en sectores como o SAF, a Conserva, traballadoras das tendas de Inditex ou do SERGAS”, entre outros.


8 de marzo /