O metal da Coruña mobilizarase o 29 de abril en resposta ao bloqueo patronal á negociación colectiva
- A concentración convocada por CIG, CCOO e UGT terá lugar ás 19:00 horas diante da CEC.

As tres centrais sindicais CIG, CCOO e UGT anunciaron o inicio de mobilizacións no siderometal da Coruña en resposta ao bloqueo patronal á negociación e a pretensión de dilatar no tempo calquera posibilidade de acordo. Deste xeito, os sindicatos convocan unha concentración para o vindeiro 29 de abril, ás 19:00 horas, diante da sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña (CEC), situada na Praza de Luís Seoane.
O convenio de siderometal da provincia da Coruña (que regula a unhas 15.000 persoas traballadoras) rematou a vixencia o 31 de decembro de 2025 e despois de seis reunións para a súa renovación “non comezamos aínda a falar do convenio”. “Levamos desde a segunda reunión exixindo un calendario de negociacións áxil e dinámico para poder chegar a un acordo, pero a patronal pretende alongar as conversas o máximo posíbel”, denunciou Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria.
Púxose énfase na urxencia de actualizar e modernizar o convenio “para atallar a enorme precariedade que se está a dar no sector co tipo de contratacións que se fan e o abuso da subcontratación”, reducir a xornada laboral ou superar a cláusula de revisión salarial ao cruce. Ademais, salientou, “cómpre reescribir todo o texto para evitar a xudicialización actual de moitos dos artigos do convenio que pola súa redacción facilitan interpretacións diversas”.
Porén, o empresariado rexeita negociar punto por punto as plataformas sindicais, querendo deixar este 2026 como un ano en branco, e pondo enriba da mesa unha oferta de convenio a cinco anos, cun incremento salarial do 8%, mais sen tocar ningunha outra materia. Aínda por enriba, a patronal quere introducir recortes laborais como a eliminación da regulación da distribución irregular da xornada (limitada a 70 horas anual) ou limitar o cobro do seguro colectivo en caso de accidente laboral con resultado de invalidez, cando este sector ten un elevado grao de perigosidade.
Reivindicacións sociais
Por iso, Caamaño reiterou que, sendo importante, a cuestión retributiva “non é o aspecto fundamental a negociar para este convenio”, senón que as principais reivindicacións sociais pasan por estabelecer unha cláusula de revisión ao IPC que opere a 1 de xaneiro de cada ano; reducir a xornada máxima anual ás 1.712 horas (37,5 horas/semana); e adecuar os pluses de toxicidade, penosidade e perigosidade para que realmente os poidan percibir as persoas que traballan nestas condicións (a día de hoxe non os cobran o 95% das persoas traballadoras).
Xunto a isto, estender o dereito de subrogación a máis actividades; implementar medidas de prevención e saúde laboral para atallar a elevada sinistralidade; estabelecer actuacións para frear a precariedade nos sector; incorporar cláusulas que garantan a xubilación anticipada; e avanzar no recoñecemento dos coeficientes redutores da idade de xubilación.
Reunión o 6 de maio
A próxima reunión da comisión negociadora será o 6 de maio, 20 días despois da última xuntanza. “Isto non é termos unha negociar áxil”, criticou o secretario comarcal da CIG-Industria. “Menos aínda cando a patronal limita as reunións ás tardes e a unha duración de dúas horas, porque ás sete pechan as oficinas”.
Diante disto, as tres centrais sindicais animaron as traballadoras e traballadores do siderometal da provincia a participar na concentración do vindeiro mércores para rexeitar o bloqueo patronal, exixirlle unha negociación áxil e avances reais nos dereitos.
Esta protesta marcará o inicio dun calendario de mobilizacións que se intensificará nas próximas semanas e se a patronal non muda a súa postura “estaranos abocando á convocatoria de folga, atendendo o mandato das asembleas”.
