Redacción •  Galicia •  22/06/2021

A contaminación atmosférica cae en Galicia aos seus niveis máis baixos da última década

A diminución da mobilidade motorizada pola crise da COVID-19 provocou unha mellora xeral da calidade do aire sen precedentes en Galicia e no resto do Estado español. O informe anual de calidade do aire de Ecoloxistas en Acción conclúe que o 29 % da poboación galega respirou en 2020 aire prexudicial para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

A contaminación atmosférica cae en Galicia aos seus niveis máis baixos da última década

A poboación máis afectada pola contaminación do aire en 2020 concentrouse na Coruña, Arteixo e Vigo, debido aos niveis de partículas e dióxido de xofre (SO2). Os niveis do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na Coruña seguen a ser moi preocupantes. A súa orixe principal semella industrial, mais cómpre un estudo específico sobre a súa orixe e medidas para diminuílos.

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza, no caso do noso país, os datos recollidos en 57 estacións oficiais de medición da calidade do aire distribuídas por todo o territorio galego, pertencentes a distintas institucións e empresas. Cómpre salientar que a única estación orientada ao tráfico existente na área metropolitana da Coruña, a da Xunta en Riazor, estivo inoperativa durante todo o ano 2020, por causa das obras no novo espazo público Amizar, sen que a Consellería de Medio Ambiente a reubicase, sequera temporalmente.

Entre as principais conclusións para Galicia do informe “A calidade do aire no Estado español durante 2020” salientan:

-Durante 2020 rexistrouse unha mellora xeral dos niveis de contaminación do aire en comparación co período 2012-2019. Destaca a redución media nun 33% dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), debido sobre todo á queda da mobilidade motorizada urbana e interurbana. Esta tamén influiu na baixada nun 74% dos niveis de ozono troposférico ou malo, dado que os óxidos de nitróxeno son precursores deste contaminante, que se forma na atmosfera a partir doutros.

-A diminución dos niveis de contaminación foron moito menores para aqueles contaminantes menos ligados ás emisións do tráfico e máis ás doutras fontes como a industria, malia o efecto positivo do colapso da produción eléctrica con carbón. Así, a redución media dos niveis de partículas inferiores a 10 micras (PM10) foi de só o 9%.

-En 2020 reduciuse a concentración do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na estación do polígono industrial da Grela da Coruña, desde os 0,94 ng/m3 (nanogramos por metro cúbico) alcanzados en 2019 a 0,52 ng/m3, por riba da suxestión da OMS (0,12 ng/m3) e por debaixo do valor obxectivo anual establecido pola normativa en 1 ng/m3, que se ten atinxido ou rozado na estación de Riazor en 2017 e 2018 (non hai datos para 2020, como tampouco os hai para A Grela anteriores a 2019). Estas preocupantes concentracións tóxicas no aire coruñés e a súa evolución no tempo parecen relacionadas coas emisións de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) de Alu Ibérica (antiga Alcoa A Coruña) e Showa Denko Carbon, como vimos denunciando desde 2019. Reclamamos á Consellería de Medio Ambiente un maior número de medicións deste contaminante en todo o país e un estudo específico ao respecto do caso coruñés.

-Como resultado da caída das concentracións no aire dos principais contaminantes tóxicos, reduciuse a poboación que respirou aire sucio segundo as recomendacións da OMS: o 29% en 2020, fronte á metade en 2019. Se se toman como referencia só os estándares legais, moito menos estritos, a poboación galega non tería respirado aire prexudicial para a saúde durante 2020, o mesmo que aconteceu en anos previos (1).

-Case todos os 800.000 galegas e galegos que respiraron aire nocivo para a saúde en 2020 viven nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo e en Arteixo, que forma parte da área de influencia da Coruña pero que a efectos de avaliación da calidade do aire considérase de forma particular. A refinaría de petróleo de Repsol e outras industrias, así como e os tráficos urbano e portuario, son as causas da mala calidade do aire nestas zonas.

-Á marxe das industrias xa mencionadas, tamén se rexistraron niveis prexudiciais de contaminación por partículas e/ou dióxido de xofre (SO2) na contorna doutras industrias, caso de Finsa (Santiago), Megasa (Narón), Cementos Cosmos (Oural-Sarria) e Alcoa San Cibrao.

-O decrecemento do transporte e a desfosilización do sector enerxético son ferramentas fundamentais tanto para mellorar a calidade do aire como para reducir as emisións de dióxido de carbono (CO2) causantes da perigosa crise climática. Algo que se puxo especialmente de manifesto en 2020 debido á COVID-19 e á continuación do descenso da actividade das térmicas de carbón iniciado en 2019, que precipitou o peche da central de Meirama (Naturgy) en xuño pasado.


contaminación /  Contaminación atmosférica /  Ecoloxistas en Acción /