BNG reclama ao Goberno “coherencia e firmeza” para illar a Israel e pór fin á ocupación de Palestina
Rego defende a ruptura de todo tipo de relacións co Estado xenocida de Israel e urxe o Goberno a apoiar as accións da CPI para que os criminais de guerra sexan xulgados.
O BNG, con outras forzas políticas, impulsa a aprobación dunha Proposición de Lei para o embargo total de armas a Israel.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado “coherencia e firmeza” nas súas posicións e actuacións respecto ao conflito na Palestina e exixe que se avance no illamento diplomático, comercial e político de Israel, a quen cualificou abertamente como “un Estado xenocida”. Rego defende a necesidade urxente de pór fin á ocupación de toda a Palestina.
O embargo de armas será aprobado no Congreso
“Levamos moito tempo reclamando este embargo” lembra Rego, quen denunciou a existencia de contratos militares entre o Estado español e Israel a pesar dos reiterados desmentidos por parte do Goberno. “Mentres o ministro Albares o nega, o propio presidente Sánchez vén de recoñecer que eses contratos existen. Non pode haber ningún tipo de relación militar cun Estado que está a cometer crimes de guerra e de lesa humanidade” advirte.
Ante esta situación, o BNG -xunto con outras forzas políticas- leva ao pleno do Congreso unha Proposición de Lei para o embargo total de armas a Israel. “Non pode haber ningún contrato de armas ou de material militar ou de seguranza cun Estado que está vulnerando o Dereito Internacional, levando a cabo un xenocidio e unha limpeza étnica contra o pobo palestino. Está a cometer crimes de guerra e de lesa humanidade e ten por Primeiro Ministro a unha persoa reclamada pola Corte Penal Internacional” subliña o deputado do BNG.
Reclama “firmeza e coherencia” por parte do Goberno do Estado
Rego sinala que a situación na Faixa de Gaza é absolutamente insostíbel: só no pasado domingo foron asasinadas máis de 140 persoas e o número total de vítimas civís supera xa as 50.000 desde o inicio da ofensiva israelí. “Israel quere prolongar esa actuación e impulsar a limpeza étnica por medio do bloqueo de alimentos. Quere seguir matando crianzas polo medio da fame” denuncia o deputado nacionalista.
“É unha gota de auga nun mar de necesidades” sinala Rego sobre o anuncio de Netanyahu o pequeno xesto de permitir a entrada de axuda humanitaria. Para o deputado nacionalista, a Comunidade Internacional debe reaccionar de maneira distinta de como o está a facer: “esa Unión Europea que segue sendo cómplice do xenocidio ten que cambiar a súa actitude”.
“O Estado español debe ser máis firme e debe haber coherencia entre o que se di e o que se fai. Non pode ser que Sánchez cualifique Israel como Estado xenocida e despois non actúeen consecuencia de forma contundente” evidencia Rego. Exemplifica esta incoherencia coa proposta de Sánchez de expulsar a Israel do certame de Eurovisión: “deberíase ter feito antes algunha actuación para que Israel non participase e, no caso contrario, quen non debería de ter participado sería RTVE”.
Ir máis alá das declaracións
“Debería producirse un bloqueo a calquera tipo de relación comercial con Israel e unha ruptura de relacións diplomáticas co Estado xenocida, alén de apoiar as accións da Corte Internacional de Xustiza para que sexan xulgados os criminais de guerra e se pola fin a ocupación de Palestina” defende o deputado do BNG no Congreso.
“O que pedimos é sinxelo: que haxa correspondencia entre as palabras e os feitos. Se Sánchez actúa en consecuencia, apoiarémolo. Mais se só se tratan de declaracións que non teñen actuacións, imos a denuncialo” conclúe Rego.