Redacción •  Galicia •  20/10/2021

Manifesto por un tren público social e sostenible. Concentracións venres 22

  • Semana de Loita por un Tren que vertebre o territorio e arrefríe o Planeta para pór de prioridade a defensa do ferrocarril como medio de transporte seguro, ao servizo das persoas e ambientalmente sostible.
  • O venres 22 de outubro mobilizámonos por un tren público, social e ecolóxico. Galiza precisa un tren que vertebre o territorio e axude a loitar contra o cambio climático.
Manifesto por un tren público social e sostenible. Concentracións venres 22

POR UN TREN QUE VERTEBRE O TERRITORIO E ARREFRÍE O PLANETA

A declaración do ano 2021 como ano europeo do ferrocarril supón unha oportunidade para relanzar e poñer en primeiro lugar de prioridades a defensa do ferrocarril como medio de transporte seguro, ao servizo das persoas e ambientalmente sostible.

Os sucesivos gobernos do PP e PSOE realizaron durante os últimos anos unha política de transporte ferroviario orientada á súa liberalización e privatización, destinando inxentes cantidades de diñeiro público á construción de liñas de Alta Velocidade que puidesen facer atractiva a chegada de operadores privados e abandonando os investimentos nas liñas ferroviarias normais/convencionais, utilizadas polo 95% das persoas que usan o tren. Asemade houbo un significativo incremento nos prezos das liñas de longa distancia así como unha redución de frecuencias nas liñas que unen Galicia coa Meseta ou con Portugal.

A Alta Velocidade consumiu grandes investimentos públicos, ten un gran impacto ambiental e enerxético, e contribuíu ao illamento de infinidade de zonas rurais. Esta concepción do transporte afástase do papel de prestación de servizo público, de vertebración do territorio e de reequilibrio territorial que debe xogar o ferrocarril. En Galicia asistimos á supresión de moitos trens rexionais e a un acelerado deterioro dos servizos ferroviarios. As persoas que viven en vilas ou no rural necesitan desprazarse para acceder a servizos de primeira necesidade como a educación, a sanidade ou as consultas a profesionais de todo tipo.

Igualmente, os devanditos servizos de transporte resultan fundamentais para que as mulleres que sofren violencia de xénero poidan ter unha vía de saída da contorna no que sofren estes malos tratos, así como acceso a servizos e recursos de diverso tipo. Ademais, unha rede ferroviaria descentralizada e accesible representa un instrumento indispensable para lograr unha repoboación xuvenil das zonas baleiradas.

Doutra banda, non podemos esquecer que vivimos nunha situación de emerxencia climática na que o ferrocarril é unha peza crave na imprescindible descarbonización do transporte.

A aposta por un errado modelo baseado na estrada e no automóbil debilitou un sistema ferroviario normal/convencional e electrificado, que hoxe debería xogar un papel central na loita climática. É prioritario centrar esforzos no transvasamento ao ferrocarril de mercadorías e persoas que hoxe son transportadas por estrada.

Reivindicamos o ferrocarril como un dos modos de transporte máis eficientes enerxeticamente e con menores emisións; eixo dunha mobilidade sostible e multimodal que contribúe tanto á construción de cidades máis habitables como ao equilibrio do conxunto do territorio.

A estes criterios deberían responder a planificación e debates sobre transporte e mobilidade en todos os eidos, desde o máis global aos locais, con actuacións que contribúan responsablemente ao arrefriado do planeta.Desde as plataformas polo tren e as organizacións asinantes deste manifesto, conscientes da importancia social, vertebradora e sostible do transporte ferroviario, trasladamos unha proposta á cidadanía para facer posible un xiro radical nas políticas de transporte, e así avanzar cara a un modelo sostible onde a mobilidade a pé, en bicicleta e en tren sexan a prioridade, e o resto de modos sexan subsidiarios e complementarios en tanto non reduzan ao mínimo a súa agresividade ambiental.

A proposta baséase nos seguintes aspectos:

Redeseño das cidades e aglomeracións urbanas para priorizar un sistema de mobilidade activa baseado nos desprazamentos a pé, en bicicleta, en tren e noutros modos de transporte público colectivo.

Redeseño da oferta de servizos das empresas ferroviarias públicas para garantir un sistema multimodal e cadenciado de conexións que integre de forma adecuada os servizos rexionais cos de grandes distancias. Iso,co obxectivo de facilitar a todas as poboacións, directamente ou a través das cabeceiras de comarca, a accesibilidade aos bens, servizos e contactos coas demais persoas, podendo ir e volver ao seu municipio de referencia na mesma xornada.

Establecemento de criterios sociais, especialmente no medio rural, para combater a redución e eliminación progresiva dos servizos de transporte ferroviario, causa fundamental do despoboamento e o illamento.

Garantir o acceso universal ao tren a todas as persoa des usuarias, tanto en termos de asequibilidade (para o conxunto da poboación e con tarifas sociais destinadas a colectivos vulnerables), como mediante a eliminación das barreiras que impiden oacceso a trens e estacións.

Redeseño das prazas para ocupar nos trens ou, no seu caso, utilización dos coches furgón xa existentes, para facilitar o acceso aos mesmos de cidadáns que poidan viaxar coa súa bicicleta. Así mesmo, adaptación dos vehículos con espazos exclusivos para bicicletas ou, polo menos, con asentos abatibles que permitan o transporte de bicicleta con garantías.

Incremento substancial dos investimentos na renovación e actualización das infraestruturas das liñas de tren normal/convencional, executando na súa totalidade as partidas orzamentarias asignadas. Estes investimentos deben ser prioritarias fronte á Alta Velocidade, para a que pedimos unha moratoria na construción de liñas, reorientando as xa construídas, para permitir a intermodalidade co ferrocarril normal/convencional e outros modos de transporte sostibles.

Recuperación, en concordancia coa tendencia europea para este tipo de servizos, dos trens nocturnos suprimidos con Madrid ou Barcelona, ademais de incrementar a oferta de circulacións nocturnas.

Recuperación de todas as circulacións suprimidas e paradas eliminadas (total ou parcialmente) nos últimos anos, como consecuencia da aplicación de Obrigación de Servizo Público (OSP) por parte do Goberno, incluíndo na listaxe de OSP todos os trens, independentemente do tipo de subvención que garante o seu mantemento, e mellorando os seus horarios e tempos de viaxe.

Potenciación do transporte de mercadorías por ferrocarril dentro da rede básica que cubra todo o territorio.

Recuperación e reapertura de liñas pechadas, aproveitando as infraes- truturas, os percorridos e as estacións existentes, de acordo a unha proposta de servizos que atenda as necesidades de conectividade territorial.

Creación dunha rede de trens de proximidade en Galicia coas seguintes líneas:

!Ourense A Gudiña Puebla de Sanabria

!Ourense O Barco de Valdeorras

!Ourense Ribadavia Vigo

!Ourense O Carballiño Santiago

!Monforte Lugo Ferrol

!A Coruña Ferrol

!Ferrol Ribadeo

!Vigo Santiago A Coruña

!A Coruña Lugo

Protección das empresas públicas ferroviarias con compensacións que permitan abaratar o prezo dos billetes e minimizar o impacto da competencia.

Electrificación, renovación das vías e instalación de sistemas de seguridade actualizados en todas as liñas, adaptándoas a unha velocidade sostible e competitiva con outros medios de transporte.

Potenciación do Tren transfronteirizo con Portugal.

Fortalecemento con máis frecuencias da rede de ancho métrico trans- cantábrica.

Compromiso por parte das empresas ferroviarias públicas de utilización de enerxías renovables para todos os servizos e instalacións ferroviarias.

Paralización dos procesos de privatización do transporte ferroviario e compromiso de mantemento das empresas ferroviarias dentro do ámbito do público.

Defensa dun ferrocarril público con emprego público de calidade, estable e con dereitos laborais.


ferrocarril /