Redacción •  Galicia •  20/02/2022

Milleiros de persoas manifestáronse este sábado en defensa dun convenio digno para a conserva de peixe

  • Milleiros de persoas manifestáronse este sábado canda CCOO en defensa dun convenio digno e con salarios xustos para o sector da conserva de peixe. A traballadoras e traballadores tomaron as rúas de Boiro, localidade do Barbanza onde se sitúan algunhas das principais empresas desta rama de actividade.
Milleiros de persoas manifestáronse este sábado en defensa dun convenio digno para a conserva de peixe

Os manifestantes deixaron clara a súa desconformidade co acordo previo asinado por UGT e CIG coa patronal. De feito, non faltaron pancartas e carteis coa mensaxe «véndese», en referencia ás organizacións que o asinaron.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia implicouse de cheo neste conflito nas últimas semanas, pero tamén na manifestación de hoxe. En Boiro estiveron a secretaria xeral, Amelia Pérez, e varios membros da Comisión Executiva Nacional do sindicato: Leila Piñeiro, Antonio Millares, Francisco Méndez e Juan Carlos López Corbacho.

O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, censurou a actitude de UGT e CIG asinando un acordo «insuficiente» cunha patronal «caciquil». O documento non resolve as principais reivindicacións, como a fenda salarial entre mulleres e homes ou os baixos salarios en xeral —os menores de toda a industria agroalimentaria.

Ledo tamén lles reprochou que pactasen coa patronal o cuarto turno de traballo, «que será maioritariamente cuberto por mulleres e mozas precarias, o que afondará na fenda salarial de xénero», apuntou o sindicalista.

Por último, o secretario xeral de CCOO-Industria instou a UGT e CIG a someteren este acordo a referendo «de todos os traballadores e traballadoras, non só a unha parte», de maneira que todo o sector «poida deixar clara a súa postura».


movilización /  Sindicalismo /