Redacción •  Galicia •  19/02/2022

Ana Pontón sitúa ó BNG como alternativa para Galiza fronte ao PP de Feixóo sen propostas de País e ancorado na corrupción

  • Pide “confiar nas nosas propias forzas para solucionar os problemas dos galegos e galegas ante os aires desoladores que veñen desde Madrid”.
  • Fixa como reto avanzar nas eleccións locais para estender os gobernos municipais BNG, exemplos de xestión que melloran a vida da xente.
Ana Pontón sitúa ó BNG como alternativa para Galiza fronte ao PP de Feixóo sen propostas de País e ancorado na corrupción

O Consello Nacional do BNG, máximo órgano entre asembleas, gardou un minuto de silencio pola traxedia do Vila de Pitanxo, para trasladar a solidariedade e o afecto a todas as familias afectadas, “acompañalas na súa dor e collelas da man nun momento tan difícil e tan duro”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón.

“Son momentos para estar ao seu carón”, destacou, tras reiterar a petición de que sigan os labores de busca “porque sabemos o importante que é poder despedirse dos seres queridos e o imporante de que as familias saiban que se fixo todo o posible, para que, cando menos, teñan ese consolo”.

O actual momento económico marcado por unha inflación disparada e os seus efectos nas economías domésticas e nas PEMES, a crise do PP en plena guerra interna e as eleccións de municipais de 2023 foron os tres asuntos que acapararon o debate no Consello Nacional.

En relación á primeira cuestión, Pontón destacou que o BNG “vai seguir traballando para mellorar a vida das persoas, con propostas e ideas para sacar Galiza adiante, ocupándonos dos temas que preocupan á cidadanía e dando alternativas”, recalcou, “porque o BNG é a alternativa para unha Galiza con futuro fronte ao PP de Feixóo que sigue ancorado na corrupción e agora en plena guerra interna”. De feito, a líder nacionalista salientou a necesidade de confiar “nas nosas propias forzas, en mirar máis cara nós, confiar no noso potencial como País”, máxime ante a evidencia de que “os desoladores aires que sopran desde a capital do Estado non van traer ningunha solución os problemas dos galegos e das galegas”.

Por un lado, -indicou-, un goberno que se declara progresista, pero que é incapaz de cumprir as súas promesas, como a derrogación da reforma laboral “causando a lóxica decepción e frustración”. Por outro, unha dereita representada no PP “deixando claro que a corrupción non se conxuga en pasado, senón en presente, que a corrupción segue como sinal de identidade dun Partido Popular cuxa realidade supera calquera ficción”, ao tempo que cualificou de inmoral que o PP non deixe de facer negocio privado con cartos públicos nin durante a pandemia. “É inaudito, indecente, inmoral, imperdoable”, sentenciou

“A conclusión é evidente: o PP non persegue a corrupción senón que a usa nas súas loitas internas de poder, e nese espectáculo vemos a Feixóo que en vez de reclamar que a fiscalía investigue, pide que os trapos sucios do PP se laven na casa, que se corra un tupido velo e que as diferencias se arranxen de portas para adentro. E aínda hai quen pensa que é a persoa capaz de rexenerar o PP. Terá tempo de demostrar que se equivocan, se esta vez logra vencer o medo ós dossieres”, ironizou.

Mentres o presidente da Xunta “da consellos de como apagar o incendio de Génova 13 para evitar que o PP saía calcinado polo lume da corrupción e as loitas internas”, destacou, “os problema de Galiza non deixan de medrar”. Medra, subliñou, a crise demográfica, a emigración da xente moza por falta de oportunidades, a crise industrial nun sector que perdeu 14.700 empregos, medra o déficit en ciencia e investigación cunha caída do investimento en I+D+i, ou a perda de postos de traballo no sector primario, 23.000 no agro e na pesca, e medra a preocupación da cidadanía ante a escalada de prezos.

“O último dato de IPC di que a vida subiu máis en Galiza que no resto do Estado, pero temos as segundas pensións máis baixas e os salarios tamén están á cola”, advertiu, e os gobernos teñen que actuar “para evitar que se incrementen as desigualdades”. En relación á estafa da luz, Pontón puxo sobre a mesa dúas propostas: a tarifa eléctrica galega e un cambio na lexislación que poña fin os chamados “beneficios caídos do ceo” do lobby eléctrico, mentres medra a pobreza enerxética e se perden miles de empregos pola factura da luz. Tamén pediu baixar o IVE dos alimentos e dos carburantes e a Feixóo que recupere a política social de vivenda que liquidou cando chegou ao Goberno.

Neste contexto, recalcou Pontón, “é evidente que nin Feixóo nin o PP son a solución senón parte esencial do problema e que a alternativa esta nun BNG que non se desvía un milímetro da liña marcada: traballo serio e con propostas en positivo a favor de Galiza, honestidade, política con maiúsculas e seguir ampliando a nosa base social”.

Reto: aumentar nas vilas e cidades

“Temos que coidar e ampliar a nosa casa e poñernos desde xa a traballar nun reto clave: preparar as eleccións municipais para aumentar a nosa presenza nas vilas e cidades de todo o País. O reto inmediato é avanzar nas eleccións municipais, e para iso temos que enfrontalas coa convicción de que os nosos proxectos municipais poden chegar á maioría social”, salientou.

Pontón destacou que a “mellor fortaleza” para conseguir ese avance está precisamente nos gobernos municipais do BNG, “exemplos de que é posible transformar en positivo e mellorar a vida da xente, concellos con dinamismo social, económico e cultural, concellos sustentables para preservar o medio ambiente para as xeracións que están por vir. En definitiva concellos de futuro nos que vivir e traballar, que se teñen convertido en exemplos de bo facer, de xestión eficaz e honesta, onde cada euro conta, e cada euro se gasta pensando no ben común”, explicou.

“Eses concellos son a nosa mellor carta de presentación para pedir o apoio da cidadanía. Hoxe somos a segunda forza política, pero non é suficiente para cambiar o País, abrir un tempo novo e poñer en marcha a Galiza en grande que nos merecemos, hai que seguir sumando e as municipais son a primeira oportunidade para facelo. A iso quedamos todos e todas emprazadas desde xa: a traballar con todo o talento, intelixencia e humildade e coa man tendida a todos os galegos e galegas que queren camiñar con orgullo do propio e que ven no BNG á esperanza dun futuro mellor”, concluíu.


Alberto Núñez Feijóo /  corrupción /