Redacción •  Galicia •  16/09/2021

O conselleiro de Educación xustifica os recortes aducindo que xa non estamos en pandemia

  • CCOO lamenta que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xustificase no Parlamento os recortes educativos aducindo que xa non estamos en pandemia.

O conselleiro de Educación xustifica os recortes aducindo que xa non estamos en pandemia

Na súa intervención no pazo do Hórreo, o conselleiro recoñeceu que hai menos profesorado ca o ano pasado, comparando as cifras co curso escolar 2019-2020 (anterior á pandemia) no canto de facelo coas do curso 2020-2021.

A Consellaría, deste xeito, recoñece os recortes, pero «o máis sorprendente é que actúa como se xa non existise a covid-19», reproba José Fuentes, responsable de Acción Sindical de CCOO-Ensino.

No Parlamento, Rodríguez «non fixo máis que constatar as cuestións que denunciamos publicamente o pasado luns», na conferencia de prensa en que CCOO-Ensino denunciou os recortes educativos. «O conselleiro non só recoñeceu ese recorte, senón que fixo algo peor ao defender as súas cifras, dando por superada a pandemia», critica Fuentes.

Para o voceiro de CCOO, esta circunstancia revela un «desprezo absoluto» cara á comunidade educativa, «que ve como a Consellaría obvía todas as indicacións sanitarias e científicas que alertan da necesidade de manter as medidas aplicadas o ano pasado, imprescindibles para a seguridade nas aulas».

CCOO-Ensino defende manter a distancia interpersoal entre o alumnado en 1,5 metros, a mesma que o ano pasado, reducida agora a 1,2 metros este curso «co único obxectivo de reducir profesorado», lamenta Fuentes.

A diminución da distancia provoca a supresión de 169 postos de traballo en infantil e primaria e 420 en secundaria.


educación /  Sindicalismo /