Redacción •  Galicia •  16/08/2020

Persoal de salvamento das praias da Coruña concéntrase en Riazor por unhas condicións dignas

As traballadoras/es de Move Servicios de Ocio y Deporte irán á folga a partir do día 18 agosto.

Persoal de salvamento das praias da Coruña concéntrase en Riazor por unhas condicións dignas

Persoal da concesionaria do servizo de salvamento das praias da Coruña, Move Servicios de Ocio Y Deporte, concentrouse na praia de Riazor en demanda de condciións laborais dignas.  A mobilización é a antesala da folga indefinida á que están chamados os/as socorristas do concello da Coruña, a partir do vindeiro 18 de agosto.

O comité lembra que se viron obrigados a adoptar esta medida polos sucesivos incumprimentos laborais da empresa concesionaria do servizo profesional de salvamento das praias coruñesas. Denuncia ademais as “mentiras” da parte da empresa e lamenta que na xuntanza celebrada onte non se producira ningún avance que permitira desbloquear a actual situación.

Entre outros incumprimentos sinalan o relativo ao acordo de abono de horas extras; a falta de medios preventivos para levar a cabo o seu labor; o despedimento dun compañeiro e as sancións a outros cinco, con sancións de ata quince días de suspensión de emprego e soldo.

O comité de empresa asegura que todo iso estase facendo co coñecemento do concello, que tolera que o servizo se atope nun contrato de emerxencia (falta un mes para que termine) e que os medios non funcionen (seguen estragadas as motos de auga).