Redacción •  Galicia •  13/10/2021

Ecoloxistas en Acción denuncia que a gandería industrial provoca despoboación no ámbito rural

Segundo un informe de Ecoloxistas en Acción, nas últimas dúas décadas Pontevedra e Ourense destacan en municipios con carga porcina alta co 100% e o 86% respectivamente, mentres que na Coruña e Lugo a porcentaxe está en torno ao 60%.

Ecoloxistas en Acción denuncia que a gandería industrial provoca despoboación no ámbito rural

Ecoloxistas en Acción presenta o Informe Gandería industrial e despoboamento nun momento no que o abandono do mundo rural e a expansión da gandería industrial son obxecto de debate público e atención política. O informe é o resultado da análise da relación entre ambos fenómenos e as conclusións son demoledoras: a gandería industrial non só non frea o despoboamento senón que impulsa o abandono rural. O discurso da industria cárnica e das administracións públicas que apoian este modelo gandeiro demóstrase falaz.

A nivel galego hai un censo porcino moi importante con entre 300.000 e 400.000 porcos en cada unha das provincias galegas, salvo Lugo que ten algo menos. Algunhas das zonas con alta densidade porcina intensiva están próximas a núcleos urbanos importantes o que impediu que estes municipios entraran no Informe, como foi o caso de Maceda con 42.988 porcos, Sandiás con 18.049 porcos ou Xinzo de Limia con 29.072 porcos, todos eles na provincia de Ourense. Ou outros municipios con carga porcina alta pero que teñen unha poboación superior a 5.000 habitantes, como en Pontevedra os casos de Lalín con 70.843 porcos e Silleda con 78.697 porcos.

Nas comparativas, por tanto, a gandería industrial está a frear ou impedir o desenvolvemento doutros sectores económicos no mundo rural, limitando así as posibilidades de emprego e vida digna da poboación. Das catro provincias analizadas na Galiza, os municipios con maior censo porcino no 2020 foron, en Pontevedra, Rodeiro con 96.173; en Ourense, Sarreaus na Limia con 30.668; Palas de Rei, en Lugo, con 26.211, e 17.651, de Santiso A Coruña.

Ante esta realidade Ecoloxistas en Acción, xunto coas plataformas veciñais como Auga Limpa XA!, e outras organizacións agrupadas ao redor da Coordinadora Stop Gandería Industrial, esixe unha moratoria inmediata ao desenvolvemento de novas explotacións de gandería industrial ou a ampliación das xa existentes.

Daniel González, coordinador da campaña Stop Gandería Industrial de Ecoloxistas en Acción declara: “Os resultados desta investigación revelan a urxencia por desactivar o discurso político e empresarial de que a gandería industrial poida soster un mundo rural vivo. En cambio, para afrontar o reto demográfico e a emerxencia climática, necesitamos canto antes políticas encamiñadas a favorecer o desenvolvemento rural agroecolóxico, incluíndo a gandería extensiva vinculada ao territorio e respectuosa, tanto coa natureza como coa vida e a economía dos pobos”.


Ecoloxistas en Acción /  gandería industrial /  Plataforma Auga Limpa Xa! /  Stop Gandería Industrial /