Redacción •  Galicia •  13/04/2022

Ana Pontón acusa a Feixóo de ter Galiza como “segundo prato” esperando a que resolva as liortas internas polo seu relevo

O País non pode estar cun Executivo descabezado até xuño, pendente dunha componenda entre baronías, en plena crise económica e de prezos.

Tapar a corrupción do PP, xustificar os pactos coa extrema dereita e evitar a loita sucesoria, ocupacións do aínda presidente, hoxe en Génova pero ausente en San Caetano.

Ana Pontón acusa a Feixóo de ter Galiza como “segundo prato” esperando a que resolva as liortas internas polo seu relevo

Galiza precisa un goberno centrado e dar solucións á crise de prezos pero o que ten é un Executivo do PP paralizado polas liortas internas de poder das baronías, para determinar quen se queda coa cadeira que deixa vacante Feixóo.

“Levamos dous meses cun Goberno e cun presidente que ten como prioridades tapar a corrupción do seu partido, xustificar os seus pactos coa extrema dereita e calmar as augas internas do PPdeG, onde quere deixar todo atado e ben atado. Pero Galiza non pode ser o segundo prato, poñendo os intereses partidistas do PP por diante dos intereses dos galegos e das galegas”, denunciou a líder do BNG, Ana Pontón, desde Noia, onde mantivo un encontro na confraría para analizar a situación do marisqueo nesta ría, unha das máis produtivas do País.

Feixóo fai tempo que xa está en Madrid, mesmo fisicamente, hoxe mesmo está na sede de Génova e non en San Caetano, “é dicir, está traballando para o PP mentres cobra un salario dos galegos e das galegas”, reiterou, “pero este País non pode estar paralizado até xuño e moitos menos polos problemas e as loitas internas de poder” na carreira desatada entre baronías para coller o relevo do xefe dos populares.

Por iso, a portavoz nacional do Bloque reclámalle a Feixóo que “non alongue máis” o proceso de sucesión, “porque Galiza non pode estar até xuño cun goberno sen cabeza no medio dunha crise económica que a escala de prezos non fixo máis que agudizar, un contexto que require un goberno ó 100% e non un goberno paralizado. As loitas internas polo poder non as poden pagar os galegos e as galegas”, concluíu.


BNG /