Redacción •  Galicia •  11/05/2026

A CIG-Saúde esíxelle ao SERGAS información inmediata da nova Unidade de Apoio á Atención Primaria

O sindicato critica esta campaña mediática do presidente da Xunta de Galiza arredor dun centro creado á marxe das e dos profesionais da sanidade.

A CIG-Saúde esíxelle ao SERGAS información inmediata da nova Unidade de Apoio á Atención Primaria

A CIG-Saúde vén de rexistrar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS para reclamarlle información completa e a convocatoria urxente da Mesa Sectorial ante a posta en marcha da denominada “Unidade de Apoio á Atención Primaria”, da que a central sindical coñecemento exclusivamente a través dos medios de comunicación.

Para a CIG-Saúde resulta especialmente grave que o SERGAS continúe impulsando cambios organizativos de grande relevancia na sanidade pública galega sen negociación previa coa representación legal das persoas traballadoras, vulnerando os principios básicos de negociación colectiva e de participación sindical.

Negociación obrigatoria na Mesa Sectorial

A organización sindical lembra que a creación dunha nova unidade ou dispositivo asistencial, así como a definición das súas condicións organizativas e laborais, é unha materia que debe ser negociada obrigatoriamente no ámbito da Mesa Sectorial.

No escrito presentado, a CIG-Saúde solicita información detallada sobre o número de profesionais previstos, as categorías profesionais, o tipo de vinculación e contratación, a dependencia funcional da unidade, a súa localización, as condicións laborais e, especialmente, as funcións e actividades concretas que van desenvolver as e os profesionais adscritos a este dispositivo.

Do mesmo xeito, a central sindical demanda coñecer cal vai ser a relación desta unidade cos centros de saúde e coas xerencias de Atención Primaria, así como a súa carteira de servizos e o alcance real das actuacións que pretende asumir.

A CIG-Saúde denuncia a política de feitos consumados da Consellaría de Sanidade e advirte de que non se pode normalizar a creación de estruturas asistenciais paralelas sen transparencia, sen planificación coñecida e sen diálogo coa representación das persoas traballadoras.

Por este motivo, esixe a convocatoria inmediata da Mesa Sectorial para abordar a negociación desta nova unidade e das condicións laborais do persoal que sexa adscrito á mesma.


Atención Primaria /