Redacción •  Galicia •  09/11/2022

Reunidas 17.000 sinaturas para a ILP en defensa da atención primaria

As organizacións que integran SOS Sanidade Pública informaron este luns da consecución de 17.000 sinaturas para a súa iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da atención primaria. Son moitas máis do mínimo legal esixido (10.000), salientan desde a plataforma. Deste total, ao redor de 2500 foron conseguidas por Comisións Obreiras.

Reunidas 17.000 sinaturas para a ILP en defensa da atención primaria

SOS Sanidade denuncia que a Consellaría de Sanidade leva anos recortando o sistema sanitario público, particularmente a atención primaria, e favorecendo o sector privado. Así mesmo, critica que o Sergas é incapaz de planificar e xestionar a atención primaria, pondo en risco a continuidade do sistema.

Con esta ILP, a plataforma quere que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas para rescatar e fortalecer a atención primaria: incrementar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros de saúde e PAC pechados, acabar coa precariedade laboral e fomentar a participación da poboación e do persoal sanitario na planificación e xestión dos centros.

En declaracións aos medios de comunicación, desde SOS Sanidade anunciaron que pedirán unha prórroga de tres meses para reuniren aínda máis rúbricas en apoio a esta iniciativa, que será paralela á convocatoria de novas mobilizacións.


Atención Primaria /