Redacción •  Galicia •  09/07/2021

Esquerda Unida demanda á Xunta que priorice a vacinación por grupos de idade e planifique xa a vacinación do estudantado galego

Esquerda Unida considera positivo que se leven a cabo «repescas» de aquelas persoas que por diferentes motivos non foron vacinadas con antelación pese a pertencer a unha franxa etaria xa vacinada, pero entende que é prioritario tamén continuar coa vacinación segundo grupos de idade.

Esquerda Unida demanda á Xunta que priorice a vacinación por grupos de idade e planifique xa a vacinación do estudantado galego

A realidade é que a Xunta vén de anunciar un sistema de autocita dispoñible só para persoas  que vaian viaxar mediante o programa de intercambio universitario «Erasmus». Mentres, o resto do estudantado non pode acceder á autocita e o resto de mozas e mozos, entre as que se inclúen as enfermas crónicas, ou traballadoras de servizos que foron determinados coma esenciais durante a pandemia, tales coma comercio de alimentación, deben agardar a seren chamadas e chamados segundo o seu grupo de idade.

Desde a área de educación de Esquerda Unida manifestan que «a participación nun programa de intercambio, que non afecta ao currículo educativo, non semella ser de máis urxencia que a participación noutros programas educativos, formación superior ou a necesidade de vacinar a mozas e mozos con problemas de saúde crónica, ou traballadores esenciais. Polo que desde a área de educación “consideramos que a Xunta debe continuar coa vacinación por grupos de idade tal e como se fixo ata o de agora e, en todo caso, valorar facilitar a vacinación á poboación máis sensible aos contaxios.»

Por outra parte, Esquerda Unida entende que entrado xa o mes de xullo a Xunta debera ter enriba da mesa un borrador das medidas a adoptar para a vacinación do estudantado galego,  antes do inicio do curso 2021/2022.

Esquerda Unida considera que a Xunta debería estar a falar xa coa comunidade educativa e sanitaria das posibles medidas a tomar naquelas franxas de idade nas que xa está indicada a vacina da COVID-19 para adiantarse ao outono, polo que pedimos á Xunta que se poñan a traballar canto antes.


Esquerda Unida /