Redacción •  Galicia •  07/10/2020

Esquerda Unida no día mundial polo traballo decente reclama máis medios para loitar contra a precariedade e sinistralidade laboral

Eva Solla: “Pasamos de 15,8 millóns de orzamento en materia de prevención en 2009 a tan só 700.000 euros en 2020. Amósase con isto o nulo interese da Xunta de Galicia en materia de saúde laboral, competencia autonómica e todo pese a liderar ano tras ano as mortes no traballo”.

Esquerda Unida no día mundial polo traballo decente reclama máis medios para loitar contra a precariedade e sinistralidade laboral

Compostela 7 de outubro de 2020. Neste 7 de Outubro que se celebra a Xornada Mundial polo Traballo Decente, Esquerda Unida lembra que Galicia segue á cabeza do Estado en canto a accidentes laborais mortais e demanda máis medios públicos na loita contra a precarización no traballo.

Segundo os datos ofrecidos polo Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA) só no primeiro trimestre de 2020 Galicia tiña duplicado xa as mortes por accidente laboral con referencia ao mesmo trimestre do ano anterior. Nos tres primeiros meses do ano faleceron en Galicia 25 persoas no seu posto de traballo. A falta de datos da evolución de 2020, Esquerda Unida lembra que este verán foi especialmente lutuoso en comarcas coma a do Baixo Miño, con falecementos de traballadores en diversas empresas de O Porriño.

Máis alá dos datos concretos de mortalidade a Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Eva Solla,  chama a poñer o foco na precariedade: “Lonxe do que poida parecer a maioría dos accidentes laborais en Galicia concéntranse no sector servizos. 14.950 con baixa concretamente no ano 2019. Incluso a maior mortalidade dáse nese sector. Nisto inflúe moito que sexa un sector con máis precariedade laboral.”

Con estes datos e tendo en conta que a crise derivada da pandemia da Covid-19 tampouco ten axudado a mellorar a situación se non todo o contrario, Esquerda Unida entende que debera ser obrigado que os vindeiros orzamentos da Xunta abandonen a senda dos recortes en saúde laboral. “Pasamos de 15,8 millóns de orzamento en materia de prevención en 2009 a tan só 700.000 euros en 2020. Amósase con isto o nulo interese da Xunta de Galicia en materia de saúde laboral, competencia autonómica e todo pese a liderar ano tras ano as mortes no traballo” manifesta Solla.

Igualmente Esquerda Unida demanda a necesidade que os vindeiros orzamentos xerais do Estado contemplen máis recursos para a inspección laboral, moi recortada en canto a persoal e medios nos Gobernos anteriores e imprescindible para combater a precariedade no conxunto de España.


Esquerda Unida /