Esixen a Altri no Porto que retire o seu proxecto de macrocelulosa na Ulloa
- Activistas de ámbalas dúas organizacións despregan unha gran pancarta á hora na que os participantes na asemblea xeral da sociedade entraban no edificio LACS, preto da sede da empresa.
- As organizacións pediron ás persoas accionistas de Altri que sexan responsábeis e acorden abandonar unha iniciativa industrial que só serviu pare xerar un enorme conflito social en Galicia.
- Dende Portugal tamén esixiron á Xunta que desestime as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada do proxecto como paso previo ao anunciado arquivo do expediente.

Co gallo da celebración da Asemblea Xeral Anual da sociedade ALTRI, SGPS,SA, varias persoas activistas de Ecoloxistas en Acción e Greenpeace desprazáronse dende Galicia até a entrada do evento, no Edifício LACS da rúa Azevedo Coutinho do Porto, para esixir á empresa que desista de buscar fórmulas para construír a macrocelulosa na Ulloa e anuncie oficialmente que retira o proxecto. As organizacións despregaron diante da porta de entrada do evento unha gran pancarta que se se lía: “Por unha terra viva. Altri Non”.
Con esta acción simbólica, as organizacións ecoloxistas queren facer saber directamente ás persoas accionistas de Altri que o proxecto Gama non só é extraordinariamente lesivo para o medio ambiente, a sociedade e a economía galegas, senón que xerou un conflito social sen precedentes en Galicia, mobilizando a ducias de milleiros de persoas baixo o berro “Altri Non”.
“Non sabemos que é o que pensaran as persoas accionistas de Altri ao ver a milleiros de persoas berrando contra a súa empresa no país veciño. Nin sequera sabemos se a dirección da empresa as informou do conflito xerado. Que “Altri Non” sexa a frase máis repetida do último ano en Galicia debería facelos reflexionar sobre a súa responsabilidade social corporativa e prestixio, que cando menos no noso país está polo chan. Non se pode acosar a todo un pobo deste xeito. Coidamos que chegou a hora de que desistan oficialmente de continuar”, afirmou Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción Galiza.
No pasado febreiro, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta de Galicia ía iniciar o proceso para arquivar o proxecto industrial de Altri en Palas de Rei, algo corroborado polo propio presidente, Alfonso Rueda. No entanto, ningunha das persoas e organizacións personadas no proceso e recoñecidas como parte interesada recibiron aínda ningunha comunicación ao respecto, algo obrigatorio segundo a Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Ao tempo, as organizacións da Coordinadora galega Altri Non, entre as que está Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, iniciaron unha campaña para se proceda a resolver en sentido desestimatorio, como paso previo ao seu arquivo, as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada relativas ao proxecto Gama, así como á revogación da declaración do mesmo como proxecto industrial estratéxico.
“O arquivo do expediente anunciado pola Xunta de Galicia non é dabondo porque alguén pode caer na tentación de gardar o proxecto nun caixón até atopar un contexto político-partidario máis favorábel. O que esiximos e a súa denegación por parte do goberno galego, mais tamén cómpre responsabilizar á empresa por presentarnos un proxecto extraordinariamente lesivo que mesmo provocou a desprotección ambiental ilegal do lugar onde querían construír, como sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Repetimos que é un proxecto que Galicia nin quere nin necesita e que a empresa ten que desbotar dunha vez. Xa abonda.”, concluiu Manoel Santos, voceiro de Greenpeace en Galicia.
Galería multimedia: Por unha terra viva, ALTRI non
